Renfe interrompe parte da circulación ferroviaria polo temporal. Estas son as liñas afectadas

Liña A Coruña- Vigo Urzáiz. (Foto: Turismo Rías Baixas).
Nas primeiras horas do temporal, en total foron 84 as incidencias rexistradas polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias.

A borrasca Ciarán continúa a provocar incidencias ao longo e largo do país. Nas primeiras horas do temporal, en total foron 84 as incidencias rexistradas polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias.

As incidencias relacionadas coas vías de circulación foron as máis repetidas. Destacan as pólas e árbores (32), os cables da luz ou telefónicos (9) e os restos de accidentes e outros obstáculos (4).

Tamén se levaron a cabo múltiples intervencións dos servizos de emerxencias para evitar riscos maiores, cun total de 19 (entre as que se inclúen o apontoamento de tellados ou a retirada temperá de vexetación).

Liñas de tren

Renfe anunciou a interrupción da circulación ferroviaria entre Ourense-Vigo e A Coruña-Ferrol polas condicións meteorolóxicas adversas da borrasca Ciarán.

Segundo informaron, dada a situación e en previsión de fortes refachos de vento, modificáronse os servizos durante a noite desta cuarta feira e durante a quinta feira.

Así, sobre a circulación entre Ourense e Vigo, Renfe estabeleceu un servizo de transporte alternativo por estrada entre Ourense e Vigo para os viaxeiros dos trens afectados desta noite e de mañá á primeira hora. O servizo A Coruña-Ferrol e Ferrol-A Coruña tamén se realizará por estrada.

Voos

Aliás, o aeroporto de Santiago ficou sen actividade ás 19 horas tamén por causa do forte temporal. Dous voos foron destinados a Peinador (Vigo) e outros catro foron suspendidos.