O temporal azouta Galiza: a Xunta eleva ao nivel vermello a alerta en boa parte do litoral

Dúas persoas ven romper as ondas na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
En caso de ter que viaxar esta quinta feira, aconséllase non facelo a partir de primeiras horas da tarde e, en todo caso, reducir os desprazamentos por estrada e extremar as precaucións.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta da Galiza vén de aumentar a alerta laranxa por temporal costeiro que comeza esta tarde en todo o litoral do país a nivel vermello, a partir da madrugada, na costa que vai desde O Barbanza até Ortegal. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico por temporal costeiro provocará desde primeiras horas da madrugada mar combinado do oeste ou do noroeste con ondas de até 9 metros e vento do oeste de forza 8 e localmente forza 9.

O temporal afectará especialmente a costa do Barbanza a Ortegal. No resto do litoral, a partir da tarde desta cuarta feira e, cando menos, durante toda a xornada desta quinta, continuará activa a alerta laranxa por mar combinado do oeste ou do noroeste con ondas de até 8 metros e ventos do oeste ou suroeste de forza 8.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, desde o Goberno galego, a través da central de emerxencias do 112, informou da situación aos concellos afectados, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e mais os clubes náuticos, entre outras entidades. No caso de localidades con plans de emerxencias municipais (PEMU), recomenda a súa activación en fase de preemerxencia.

Cómpre lembrar que desde esta tarde tamén estará activa a alerta laranxa por rachas máximas de ventos de até 100 quilómetros por hora a toda a provincia da Coruña; na Mariña, centro e montaña de Lugo;  na montaña de Ourense, e no interior de Pontevedra. No resto da Galiza o aviso será de nivel amarelo por rachas de até 90 quilómetros por hora. Ademais, estará activa a alerta amarela en practicamente todo o país por precipitacións acumuladas de máis de 40 milímetros en 12 horas.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Dado que se prevé que o fenómeno adverso sexa especialmente intenso a medida que avance a tarde desta quinta feira, en caso de ter que viaxar, aconséllase non facelo a partir de primeiras horas da tarde e, en todo caso, reducir os desprazamentos por estrada. Se é necesario viaxar, é preciso extremar as precaucións debido a posíbeis obstáculos na vía, bolsas de auga e zonas asolagadas.  

Entre as indicacións que debe seguir a poboación tamén se inclúe pechar e asegurar portas, xanelas ou toldos para evitar danos nas propiedades e posíbeis lesións, retirando macetas e todos aqueles obxectos que poidan caer á rúa e provocar un accidente; así como afastarse de cornixas, muros ou árbores que poidan desprenderse e tomar precaucións ao pasar preto de edificacións en construción ou en mal estado.