Renfe emitiu na Galiza perto de 67.000 abonos de Media Distancia e Avant

Tren na estación de Vigo-Guixar. (Foto: Nós Diario)
A nivel estatal, Renfe emitiu un total de 2,33 millóns de abonos gratuítos.

Renfe emitiu na Galiza perto de 67.000 abonos de Media Distancia e bonos Avant para viaxes entre o 1 de maio e o 31 de agosto de 2023.

Do total de títulos expedidos, 66.500 corresponden a abonos gratuítos para Media Distancia, e os 380 restantes para o servizo Avant, bonificado ao 50%, que une Ourense con Zamora, Á Gudiña e Sanabria. 

 

 

A nivel estatal, Renfe emitiu un total de 2,33 millóns de abonos gratuítos de Cercanías, Rodalies, Media Distancia e abonos Avant bonificados ao 50% durante este período.

Do total de abonos utilizados no segundo trimestre deste ano, máis de 1,68 millóns corresponden a títulos de Cercanías e Rodalies, e uns 519.000 a abonos de Media Distancia. Así mesmo, adquiríronse 129.000 abonos Avant con desconto do 50%.

 

 

Para viaxar gratis nos servizos de Cercanías, Rodalies e Media Distancia desde o 1 de setembro até o 31 de decembro deste ano, é necesario adquirir un novo abono. Até o momento emitíronse algo máis de 240.000 novos abonos gratuítos (140.000 de Cercanías e 100.000 de Media Distancia).

Aos viaxeiros que utilizasen o pase gratuíto de Cercanías, Rodalies ou Media Distancia no segundo trimestre de 2023, devolveráselles a fianza (10 euros no caso de Cercanías e Rodalies, e 20 euros para o servizo de Media Distancia), unha vez que se constate que se cumpriu a condición de ter realizado 16 desprazamentos durante estes catro meses. Aos que pagaron o depósito con tarxeta devolveráselles automaticamente.