Mobilidade

Corte na liña Santiago-Ourense: estas son as alternativas que ofrece Renfe

Trens parados na estación de Santiago de Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)
O operador ferroviario muda horarios dalgúns trens e ofrece transporte por estrada na liña afectada polas obras, e tamén permitirá anular ou mudar os billetes sen custo. O BNG exixe garantir que todas as persoas que habitualmente circulan en tren dispoñan dunha alternativa en autobús, e non só "as que xa adquirisen o billete".

Renfe trasladará por estrada os pasaxeiros e pasaxeiras afectadas polas obras de mellora da infraestrutura que Adif levará a cabo na liña que une Santiago de Compostela e Ourense, que inclúen a posta en servizo do sistema de protección do tren ERTMS de nivel 1 no eixo atlántico e na contorna da estación de Santiago, incluído o tramo no que se produciu o accidente do Alvia. Así, entre o 22 e o 24 de abril, as obras comportarán unha interrupción do servizo ferroviario neste tramo.

Durante eses tres días, Renfe reprogramou os servizos que circulan neste traxecto, polo que os viaxeiros dos trens Avant realizarán un servizo alternativo por estrada entre Ourense e Santiago, o que se traducirá nun incremento do tempo da viaxe. Para os servizos Alvia, Renfe modificará os percorridos dos trens que conectan a Galiza con Madrid e Barcelona, que tamén verán modificados os seus tempos.

Novos percorridos

A modificación do horario do primeiro Avant que sae da Coruña permitirá a ligazón coa primeiro Ave que parte de Ourense con destino Madrid ás 6.30 horas. Renfe adiantará a saída do primeiro servizo desde A Coruña ás 4 horas para chegar a Ourense contra as 6.20h. Os trens Alvia que conectan a Galiza con Madrid e Madrid coa Galiza modificaranse do seguinte modo:

  • Trens con orixe/destino Vigo: realizarán a saída desde Vigo-Guixar no canto de Urzaiz. Os viaxeiros con destino Vilagarcía e Pontevedra encamiñaranse ao seu destino en autobús. As persoas con destino e orixe Santiago realizarán o percorrido Ourense-Santiago en bus nos dous sentidos.
  • Trens con orixe/destino Ferrol: realizarán o percorrido entre Ferrol-A Coruña-Santiago-Ourense por bus.
  • O Alvia A Coruña-Madrid das 19.53 horas realizarase por estrada entre A Coruña e Ourense e Santiago e Ourense, e desde aquí en tren a Madrid.
  • O Madrid-A Coruña das 14.30h realizarase en bus entre Ourense-Santiago-A Coruña.

Ademais, veranse afectadas todas as ligazóns cos trens Avant Ourense-Santiago-A Coruña, así como Vigo, na oferta antes definida.

  • O día 23 de abril, o Alvia A Coruña-Barcelona fará por estrada o tramo entre A Coruña e Monforte de Lemos.
  • Os días 22 e 24 de abril, o Alvia Barcelona-A Coruña fará por estrada o tramo entre Monforte de Lemos e A Coruña.

Cambios e anulacións

Para aquelas e aqueles clientes aos que as novas condicións de viaxe non se axusten ás súas necesidades, Renfe ofrécelles a posibilidade de anular ou cambiar os seus billetes sen custo. O reintegro ou o abono xerado producirase perante o mesmo medio de pagamento previamente utilizado para a compra do título de transporte. Nos traxectos por estrada, non está permitido levar bicicletas nin animais de compañía.

O BNG exixe alternativas para todas as viaxeiras

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha serie de iniciativas en relación coas previsións do Goberno estatal para "minimizar os inconvenientes que suporá o fechamento da liña" para a instalación do sistema ERTMS. Así, conforme informou o BNG nun comunicado, pediu conexións mediante autobuses suficientes para evitar o "colapso", sobre todo nas horas punta, dando cobertura a todas as persoas usuarias e non unicamente ás que xa adquirisen o billete.

"Renfe anunciara a habilitación de transporte por estrada alternativo para todos os pasaxeiros e pasaxeiras que puidesen verse afectadas polo fechamento. Pero agora comprométese só a fretar autobuses para os viaxeiros que xa comprasen billetes, mais non ao resto de persoas que utilizan a diario este transporte e que durante eses días quedarán sen servizo porque aínda non adquiriron o billete", lamentou.