Un incendio deixou 'en terra' centos de viaxeiros en Vigo-Urzaiz e sen luz o centro comercial Vialia

Acumulación de xente na estación de Vigo-Urzaiz por causa das retencións ferroviarias (Foto: Nós Diario).
Segundo puido coñecer 'Nós Diario', un incendio alleo á circulación ferroviaria provocou grandes acumulacións de viaxeiros no interior da estación Vigo-Urzaiz. A circulación entre Vigo e Redondela xa foi restabelecida.

*Información actualizada ás 17.40 horas

A circulación ferroviaria quedou interrompida na estación de Vigo-Urzaiz esta mañá após detectarse fume que, segundo se puido coñecer proviña dun fogo nunha arqueta nas aforas da estación.

Segundo puido coñecer Nós Diario, o incendio é alleo á circulación ferroviaria mais provocou grandes acumulacións de cerca de 200 persoas no interior de Vigo-Urzaiz.

Momentos posteriores ao incendio na arqueta en Vigo (Foto: Nós Diario).

O incendio tamén afectou un cable subterráneo e deixou sen subministración eléctrica o centro comercial Vialia de Vigo, e varias rúas, segundo confirmaron fontes de Naturgy e dos bombeiros de Vigo.

O fume que saía da arqueta fixo saltar as alarmas e até o lugar desprazáronse efectivos do servizo de extinción, así como persoal de Naturgy, que están a traballar para "illar" a avaría.

Fontes da empresa informaron de que a avaría mantén sen subministración ao complexo intermodal e comercial, e tamén están afectadas "rúas contiguas". "Os técnicos traballan para restabelecer o servizo canto antes", engadiron.

O incidente ocasionou algúns problemas de tráfico pero non se rexistraron danos persoais.

Contra as 16.21 horas, Adif informou de que quedaba restabelecida a circulación entre Vigo e Redondela.