Remolcan a porto un pesqueiro en Burela que quedou sen goberno

A 'Salvamar Alioth' remolcou o pesqueiro até o porto. (Foto: Armón)
Ningún dos tripulantes resultou ferido.

Un pesqueiro galego tivo que ser remolcado ao porto de Burela, na comarca da Mariña, na mañá desta cuarta feira tras sufrir un problema técnico no motor que deixou a embarcación sen goberno. Trátase do buque Virxe do Rocío, de 11 metros de eslora.

Segundo informaron fontes de Salvamento Marítimo a Europa Press, os feitos ocorreron minutos antes das 8.30 horas, cando os dous mariñeiros que traballaban no buque solicitaron axuda, ao estar sen goberno por un problema de refrixeración no motor.

Até o lugar desprazouse a Salvamar Alioth, que remolcou o pesqueiro até quedar atracado en Burela pasadas xa as 9 horas sen que ningún dos tripulantes resultase ferido.

Arde unha embarcación en Porto do Son

Por outra parte, os servizos de emerxencia tiveron que actuar na noite desta pasada terza feira após recibir un aviso alertando de que unha embarcación estaba a arder nun antigo estaleiro do peirao da parroquia de Noal, en Porto do Son (comarca de Noia).

Sucedeu pouco antes das 21 horas, cando varios particulares informaron o 112-Galiza. Por iso, deuse aviso aos Bombeiros de Ribeira e de Boiro, ao GES de Noia e a Policía Local e Protección Civil de Porto do Son.

Foron os bombeiros os que extinguiron o lume e selaron con escuma a embarcación, de recreo, que foi o único elemento afectado e que xa fora danada noutras ocasións.

A pesar da súa aparatosidade, as chamas só danaron o interior do barco, aínda que había outras embarcacións e un chafariz de combustíbel perto. A calor desprendida si causou danos noutro barco próximo.