Reliquias botánicas fóra de catálogo

Castiñeiro da Capela en Begonte (Imaxe: Turismo da Galiza).
En 2007, viu a luz o Catálogo galego de árbores senlleiras. Un inventario que recolle exemplares singulares da Galiza, recoñecidos polo seu valor biolóxico, mais tamén pola súa dimensión cultural, popular ou histórica. Trece anos despois, o exeñeiro forestal Gaspar Bernárdez propón unha revisión deste índice botánico, abrindo a porta á incorporación de reliquias vexetais de todo o país. 

Conta Carme Campo, historiadora, bailadora e mestra, que na parroquia de Torneiros, no concello do Porriño, onde naceu e medrou, a veciñanza toda coidaba dunha Camelia (ela escribe camelia con C maiúsculo). Dela, que medraba nas hortas desamortizadas do cura, recollían as flores para agasallarllas aos seres queridos, vivos e mortos.

Un sábado, cando ela non contaba nin dez anos, chegou o berro á asociación onde aprendía a bailar de que o alcalde quería trasladar a camelia ao seu xardín. Crianzas e maiores opuxéronse ás escavadoras e evitaron o transplante, mais a árbore ficou danada. A veciñanza marchou a durmir e nos días que seguiron coidou da súa árbore senlleira. Mais cando volvía agromar, apareceu tronzada.

A relación da veciñanza coa camelia de Torneiros repítese noutros lugares da Galiza. Castiñeiros, carballos, magnolias ou oliveiras que, polas súas longas vidas e mais as súas particularidades, desenvolveron unha especial relación co espazo e as persoas. Destas reliquias botánicas, de orixe natural ou plantadas por man humana, algunhas pasaron a formar parte das 155 árbores e 37 formacións que conforman o Catálogo galego de árbores senlleiras.

Patrimonio vexetal

En 2001 aprobouse a Lei de conservación da natureza que xa contemplaba o Catálogo galego de árbores senlleiras, mais este non viu a luz até 2007. Naquela primeira colleita, provisional, revisábel e aberta, incluíronse 106 árbores e 21 formacións senlleiras. En 2008, foi plasmada nun libro, Árbores e formacións senlleiras da Galiza, asinado por Carlos Rodríguez Dacal, Antonio Rigueiro e mais Gaspar Bernárdez.

Gaspar Bernárdez inventariou un total de 1.108 exemplares de toda Galiza

Rigueiro, director do grupo de investigación de Sistemas Silvopastorais do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, é o encargado, a raíz dun convenio coa Xunta da Galiza, de revisión de árbores monumentais do país. Nese proxecto, Gaspar Bernárdez desenvolveu a súa tese doutoral. Enxeñeiro forestal e do medio natural, presentou os resultados neste mes de xullo, Bernández inventariou un total de 1.108 exemplares de toda Galiza, propoñendo a incorporación de até 42 exemplares e 16 formacións.  

Semente de historias

Como decidir se un exemplar merece unha entrada no catálogo? Para que unha árbore ou unha formación sexan distinguidas neste inventario vexetal téñense en conta diferentes parámetros.  Por unha banda, beleza, forma, dimensións, idade ou producións de madeira, cortiza ou froitos. Son numerosos os avós e avoas lonxevos na clasificación.

Son numerosos os avós e avoas lonxevos na clasificación

Alén da singularidade biolóxica ou ecolóxica, tamén se ten en conta o valor histórico, cultural, relixioso, popular, simbólico ou mesmo didáctico. Para Carme Campo e para a veciñanza de San Salvador de Torneiros, a camelia era seguramente merecedora de tal distinción.

O catálogo é tamén unha recompilación de historias. Como a da Perona, o abeto do Cáucaso plantado na Alameda de Compostela con motivo da visita de Eva Duarte e Juan Domingo Perón en xuño do 1947; o castiñeiro da Capela, no concello de Baamonde, en cuxo tronco o artista Víctor Rivas tallou unha capela; ou o carballo do Pelete, no municipio da Lama, cuxos veciños regan de viño tinto cada 8 de setembro na festividade da virxe dos Remedios. 

Tempo e coidados

Ao longo dos pasados anos foron propostos novos exemplares e formacións, mais outros deberon ser retirados tras enfermar. Na súa tese, Gaspar Bernárdez propón retirar 5,3% das árbores e formacións actualmente tipificadas por mor da morte biolóxica dos exemplares ou por teren perdido os valores singulares que as distinguían.

Bernárdez propón retirar 5,3% das árbores e formacións actualmente tipificadas

O enxeñeiro tamén valorou a saúde das reliquias vexetais do país, concluíndo que o estado xeral é satisfactorio. Porén, algúns exemplares, caso do castiñeiro da Ramigoa e os castiñeiros de Peninvell, situados en soutos abandonados, ou os eucaliptos de Chavín, incluído o exemplar denominado "O avó", con graves problemas sanitarios, precisaría de actuacións urxentes. En 2019, a Xunta xa procedera a retirar once árbores senlleiras do catálogo, o que suscitou as protestas da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

Nun comunicado, a SGHN lamentou que se destinasen máis cartos ao alumeado do chamado Bosque da Galiza na Cidade da Cultura de Compostela, cun orzamento de 226.398 euros, que ao coidado das árbores do catálogo ao longo de trece anos: 82.535 euros.

Actualmente, forman parte do inventario un total de 151 árbores e 38 formacións arbóreas de toda a Galiza. No inventario figuran castiñeiros, camelias, ameneiros, araucarias, carballos, sobreiras ou teixos. Mais aínda fican reliquias botánicas fóra do catálogo, tal e como veñen asegurando Gaspar Bernárdez e mais o seu director de tese, Antonio Rigueiro. As súas historias, a súa singularidade, enriquecerán en anos vindeiros este inventario.