Gaspar Bernárdez: "Deberíase traballar máis pola protección das árbores senlleiras"

Gaspar Bernárdez, enxeñeiro forestal, investigador e coautor do Catálogo galego de árbores senlleiras (Imaxe: USC).
O enxeñeiro forestal Gaspar Bernárdez vén de presentar a súa tese, na que revisa o Catálogo galego de árbores senlleiras e propón exemplares para a súa inclusión. 

—Que importancia ten a existencia do Catálogo galego de árbores senlleiras?
A mesma importancia que calquera outro catálogo patrimonial, pon en valor unha parte fundamental do noso patrimonio. Falamos de conxuntos de árbores que superan en idade a catedral de Santiago, por exemplo.

—Avanzouse máis alá da catalogación?
Prohíbese a corta ou a mutilación e pódese podar, pedindo permiso e facéndoo de maneira axeitada. Pero penso que se debería traballar máis pola súa protección, non hai liñas de axuda para unha conservación máis activa. Hai árbores que están afastadas das grandes urbes que non teñen cariño por parte da Administración nin polos propietarios. 

Hai árbores que están afastadas das grandes urbes que non teñen cariño por parte da Administración nin polos propietarios

—Na súa tese, vostede recomenda retirar exemplares do catálogo. Trátase de árbores moi antigas, mais podería terse alongado a súa vida?
Vou pór tres exemplos, das once propostas de descatalogación. Unha araucaria excelsa do pazo de Rubiáns, un lugar moi mimado polos seus propietarios, recibiu o golpe dun raio en 2017 que a tronzou. Pouco ou nada se pode facer por ela. O carballo da praza de Quindous, no concello de Cervantes, sufriu unha nevada a finais de outubro de 2018. O carballo estaba cheo de follas e o peso da neve rebentou o exemplar. Ficou un muñón no chan, cando no informe que eu elaborara en agosto escribira que non precisaba ningún tipo de actuación. No teixo de Pontedeume, en troques, non houbo causas naturais.  

—Como pode afectar o cambio climático ou a aparición de novas pragas a este patrimonio vexetal?
O carballo de Quindous é un exemplo. Hai procesos asociados ao cambio climático si ou si, como a aparición de novas pragas coa suba da temperatura. Mais tamén afecta a introdución de pragas, caso da avespiña do castiñeiro, que chegou de Italia e que afecta a soutos de toda Galiza. Temos que ter en conta que os exemplares senlleiros son moi vellos, nas últimas etapas das súas vidas, e cústalles máis recuperarse dos danos destas pragas, que chegan tamén por mor da globalización.

Os exemplares senlleiros son moi vellos e cústalles máis recuperarse dos danos das pragas

—A globalización tamén trouxo exemplares do catálogo, coma os eucaliptos ou os xincos. 
A documentación da que se tiña coñecemento, e que se empregou para o catálogo inicial, eran estudos sobre a vexetación dos pazos, árbores monumentais en mosteiros ou castelos. A maior parte dos exemplares están no Eixo Atlántico, porque é a área máis poboada e cunhas características que favorecen as especies introducidas, moitas veces por causa da emigración. Quen volvía do Brasil ou da Arxentina plantaba as especies ás que estaba acostumado. O catálogo recolle exemplares singulares de calquera especie, mais si penso que debera incluír máis castiñeiros e máis carballos.  
 
—Hai unha maior sensibilidade hoxe pola conservación do patrimonio natural?
Na actualidade si, máis que hai vinte ou trinta anos. Nisto tiveron moito que ver as entidades ecoloxistas. Con todo, hai rexistros de árbores inmensos que se perderon nestes últimos anos e séguense a cortar árbores innecesariamente.