Os tres reitores demandan máis recursos da Xunta

Facultade de Maxisterio en Pontevedra (Foto: Universidade de Vigo)

Os tres reitores galegos reclaman máis recursos á Xunta da Galiza para a negociación do novo plan de financiamento universitario após a prórroga do actual.

Os reitores das tres universidades galegas coinciden en demandar máis recursos á Xunta da Galiza para a negociación do novo plan de financiamento após a prórroga do actual até finais de 2021 pola crise derivada da Covid-19.

Nunha entrevista radiofónica, o reitor de Vigo, Manuel Reigosa, asegurou que espera que a achega da Xunta "sexa un pouco máis xenerosa" xa que, segundo indicou, agora mesmo están "un pouco afogados".

Amosouse confiado en que, a pesar das diferenzas, logren chegar a un acordo para elaborar un mellor plan de financiamento, xa que o actual é insuficiente.

A este diagnóstico súmase o responsábel da Universidade da Coruña, Julio Abalde, que insiste en que "os seus gastos aumentaron" e debe facelo tamén a achega estrutural da Xunta. Desde a Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, cre que hai tempo, de aquí a final de ano, para negociar un novo plan "sobre as bases do que existía, pero tratando de incorporar melloras".

Rexeitamento unánime da universidade privada

Os tres reitores coinciden en que a universidade privada na que traballa Abanca non é necesaria na Galiza habendo tres universidades, sete campus e, pola contra, consideran urxente mellorar o financiamento da pública, López reivindica o papel da universidade pública como axente " igualador e de ascensor social", que contribúe á igualdade de oportunidades.

Ademais, tras sinalar que a achega da pública ao coñecemento e a investigación viuse de maneira mesmo máis evidente que nunca durante a pandemia, espera que as administracións se comprometan coa educación pública. "Non paramos de escoitar que estamos nunha nova sociedade do coñecemento e a investigación, oxalá iso se materialice nunha aposta clara pola universidade pública", apunta.

Os responsábeis das universidades recoñecen que reforzar a investigación e acabar coa precariedade das dos investigadores é un dos retos. Antonio López expón un financiamento máis estrutural, menos dependente das subvencións. Julio Abalde engade que é necesario un "sistema de financiamento potente e forte para que, ante unha emerxencia como a que se viviu, sexa posíbel redireccionar a investigación".

Foi no pasado mes de marzo cando o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, após a reunión semanal do Consello da Xunta, informou da remisión ao Parlamento do proxecto de lei para a creación da Universidade Intercontinental da Empresa (de Abanda) por parte da Xunta despois de que fose autorizada polo Goberno estatal.

Prevese que o Parlamento debata e vote nas próximas semanas este proxecto de lei para crear a primeira universidade privada na Galiza. Precisamente, os tres reitores téñense postulado en contra da implatación dunha universidade privada, afirmando que esta nin mellora nin complementa a pública. En cambio si chamaron a fortalecer o sistema público, como volven facer desta volta.