O reitor da Uvigo aposta no alumnado "doutras latitudes" para lograr o "relevo xeracional"

Manuel Reigosa é o reitor da Universidade de Vigo (Imaxe: Duvi).

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, reelixido nas eleccións do pasado 4 de maio, tomou posesión na segunda feira por outros catro anos nun acto que estivo presidido polo titular da Xunta, Alfonso Rueda, e que, en gran medida, protagonizou a lembranza do profesor e ex vicerreitor Manuel Ramos, falecido na véspera das eleccións.

Para Ramos foron as primeiras palabras que pronunciou o reitor e que antecederon un discurso no que lembrou como xurdiu H2040, a formación que representa, os logros conseguidos nos seus primeiros catro anos de goberno, “intensos e marcados pola pandemia”, e os obxectivos xerais para os vindeiros catro.

O reelixido reitor explicou que a institución tratará de facer fronte ao recambio xeracional no cadro de persoal docente e investigador e ao reto demográfico que fará, “cada vez máis necesario”, incorporar alumnado doutras latitudes.

A captación de fondos a través de proxectos internacionais, de actividades de I+D, de proxectos competitivos colaborativos empresa-universidade e de infraestruturas foi outro dos aspectos destacados por Reigosa no seu discurso de toma de posesión, no que cifrou en 24,2 millóns de euros a cantidade captada en 2021; 22,9 en 2020; 18,3 en 2019 e 18,5 en 2018.

Ademais, destacou a captación de talento e as case 2.000 publicacións en Web of Science (JCR) con autoría UVigo no ano 2021, así como o posto logrado pola institución académica viguesa no ránking de Shanghai das mellores universidades do mundo, que a sitúa no tramo 501-600. 

As instalacións de xeotermia operativas no campus de Ourense, de biomasa no de Pontevedra, así como as de aerotermia e fotovoltaicas tamén foron postas en valor polo reitor, que fixo mención expresa á creación da Cátedra Feminismos 4.0 e á posta en servizo de salas de lactación nos tres campus.

A respecto da igualdade, Reigosa tamén se referiu ao recoñecemento da produción científica de mulleres, á posta en marcha dun sistema de subministración de produtos de hixiene feminina, á denominación dos edificios administrativos do campus de Vigo con nomes de mulleres destacadas e á aprobación do distintivo de Igualdade a centros e concesión das dúas primeiras convocatoria.

Finalizado o balance, o reitor puxo sobre a mesa algunhas das medidas que quere aplicar para facer efectivo o recambio xeracional e que pasan pola “consecución dun máximo de 240 horas de dedicación docente, un plan de estímulo á xubilación, un adianto na saída de prazas ou o impulso a programas propios de formación pre e posdoutoral, un plan de promoción do persoal investigador ou plans de formación para o profesorado”. 

Xunto ao reitor tomou posesión do cargo o resto do equipo. O primeiro en “prometer fielmente as obrigas do cargo con lealdade a El-Rei e gardar e facer gardar a Constitución como norma fundamental do Estado” foi o secretario xeral Miguel Ángel Michinel.

Tras el, a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, María Belén Rubio; o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez Tabarés; o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, Alfonso Lago; a de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini; a de Internacionalización, Maribel del Pozo; o de Relacións coa Empresa, José María Martín Moreno; a de Benestar, Equidade e Diversidade, María Isabel Doval, e as novas vicerreitoras dos campus: Elena Rivo do campus de Ourense e Eva María Lantarón do de Pontevedra.