Juan Carlos I non regresará finalmente a Sanxenxo "por razóns estritamente privadas"

O rei emérito estivo o pasado maio en Sanxenxo. (Foto: María Muiña / Sailing Shots vía Europa Press)
Na súa visita no pasado mes de maio, o rei emérito desbotou, entre risos, ofrecer explicacións sobre os seus recentes problemas coa Xustiza.

O rei emérito Juan Carlos I non volverá esta semana a Sanxenxo para asistir ás regatas de vela que se disputarán nos próximos días, alegando "razóns estritamente privadas", segundo comunicou a súa contorna aos seus amigos do clube náutico do municipio.

Malia que inicialmente a súa intención era acudir, na que sería a súa segunda visita ao Estado español desde que en agosto de 2020 trasladou a súa residencia a Abu Dabi (Emiratos Árabes Unidos), finalmente non estará esta fin de semana para a 7ª edición da Regata Rey Juan Carlos-El Corte Inglés Máster, que dará inicio á competición da clase 6 Metros que culminará co Xacobeo 6mR Worlds, entre o 13 e o 18 de xuño.

Fontes do clube náutico confirmaron a Europa Press que esta mesma terza feira, a tres días de que arrinque a regata que leva o seu nome, o emérito trasladou a través da súa contorna que, malia que o "sente moitísimo", non poderá estar presente "por razóns estritamente privadas" que non concretou.

Cabe lembrar que Juan Carlos de Borbón permaneceu en casa do presidente do Club Náutico de Sanxenxo, o seu amigo Pedro Campos, entre os pasados días 19 e 23 de maio, data na que —antes da súa volta a Abu Dabi— realizou unha parada en Madrid para ver a familia Borbón no Pazo da Zarzuela.

Alí estivo once horas e puido manter co seu fillo, Felipe VI, "un amplo tempo de conversación" no que abordou "cuestións familiares, así como sobre distintos acontecementos e as súas consecuencias na sociedade española" desde que o emérito se trasladou ao país do Golfo.

En Sanxenxo, a falta de confirmación oficial, aínda esperaban que Juan Carlos I puidese regresar despois da gran expectación mediática e social que espertou a súa estadía durante a fin de semana do Trofeo Viaxes InterRías. Con todo, a pesar de que o propio ex monarca trasladara a súa intención de regresar para as próximas regatas para revalidar o título de campión do mundo a bordo do Bribón, tal e como afirmara o alcalde, Telmo Martín, finalmente non será así.

"Explicacións de que?"

Aquela fin de semana, o rei emérito mostrouse parco en palabras, limitándose a breves comentarios sobre a competición, o tempo ou o "moi ben" que se atopaba de estar de volta no Estado español. Aliás, asegurou que tiña ganas de reencontrarse coa súa familia e que esperaba da cita "moitas apertas".

Pero do que non chegou a falar o antigo monarca, a pesar de que a prensa ll preguntou, foi dos seus recentes problemas coa Xustiza. Tampouco brindou as "explicacións" que o Goberno estatal e o propio presidente, Pedro Sánchez, lle reclamaran desde hai meses. "Explicacións de que?", respondeu a unha xornalista que lle formulara a pregunta.