A Estrada

Regresa con forza a Rapa das Bestas de Sabucedo

A Rapa das Bestas volveu este sábado a Sabucedo (A Estrada) após un ano de parón pola Covid (Foto: Arxina).

A Rapa das Bestas 2022 será a edición "máis potente" após dous anos de paro pola pandemia da Covid-19. Así o expresou esta terza feira a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, durante a presentación da festa internacional no Pazo Provincial de Pontevedra.

A Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada) volta máis forte que nunca e celebrarase este ano desde o 30 de xuño até o 4 de xullo, baixo o auspicio da Deputación de Pontevedra, do Consistorio da Estrada e da Asociación da Rapa das Bestas

En representación desta última entidade, Manuel Cabada subliñou que as veciñas e veciños de Sabucedo reafirman na festa "o compromiso coa tradición". "Herdámola dos nosos antergos e temos a obriga de transmitila aos nosos fillos e netos", expresou Cabada.

A festa comezará a quinta feira 30 de xuño coa 'Gala de aloitadores', para continuar na sexta 1 de xullo coa procura das 'bestas' polo monte da parroquia estradense en grupos ou familias e que concluirá co festival RapaSons a partir das 22,30 para dar fechamento á xornada.

O sábado 2 de xullo baixarán as bestas á aldea e ás 19 horas celebrarase o primeiro curro para rapar e sanear os cabalos. O segundo curro terá lugar durante a mañá do domingo, ao que lle seguirá unha festa na aldea.

A rapa concluirá na segunda feira, á mesma hora, e terá un carácter solidario. "Todo o que se ingrese na Rapa vai destinado ao benestar dos animais", resaltou o representante da asociación.

Unha tradición "milenaria"

Na presentación tamén tomou a palabra Carmela Silva, presidenta da institución provincial. Sinalou que "non existiría esta tradición milenaria que nos identifica, nin teriamos un rural con vida, sen o enorme esforzo que fan coa vontade de manter esta festa tan bonita que é nosa e de toda Europa".

A responsábel provincial mostrouse "convencida" do éxito da rapa, declarada Festa de Interese Turístico Internacional, e apelou a poboación galega a apoiala. "Que vaian a Sabucedo, consuman, compren entradas, merchandising... estaremos a apoiar unha festa que o merece", afirmou.

A edición deste ano conta con máis de medio centenar de medios de comunicación internacionais acreditados de países como Corea do Sur, Estados Unidos ou China.

Pola súa parte, o tenente de alcalde da Estrada, Juan Constenla, animou "todo o mundo" a "gozar dos cabalos, a comida e a natureza" desta tradición tan "singular". "É unha cita obrigada, unha festividade singular e importantísima, e este ano dobremente porque volvemos con todo o noso esplendor", subliñou o edil.