Reflexión sociolingüística de diario

Alumnado do IES Pontepedriña traballando cos xornais na clase de Lingua galega e Literatura.
Unha análise desenvolvida polo alumnado de 2º de ESO do IES Pontepedriña (Compostela) a través das noticias recollidas no Nós Diario durante os meses de novembro e decembro de 2020.

A primeira pregunta que atopa o alumnado de 2º de ESO ao abrir o seu libro de texto (Xerais, 2016) é esta: “Les de cando en vez algún xornal de noticias?”. As respostas varían moito dun grupo a outro. Coinciden, iso si, en que a lectura da prensa en papel, se a fan, é a fin de semana na casa dos avós; nos seus fogares, de leren algo, é só prensa dixital. Se seguimos tirando do fío e lles preguntamos cantos titulares, noticias ou reportaxes están en galego, na súa “inocencia sociolingüística” defenden que case todas, pois se a cabeceira do xornal modifica o seu nome co substantivo Galicia ou o adxectivo galego (ou mesmo gallego), pensan que xa están escritos no noso idioma. Sorpréndense e decátanse do seu erro en canto teñen nas mans calquera deses xornais, e logo comezan a dicir: “Profe, pero está todo en castelán!”.

Este curso tivemos a oportunidade de empregar o Nós Diario para traballarmos a sociolingüística do galego en galego a través da prensa. O alumnado de 2º de bacharelato analizou o xornal durante os meses de novembro e decembro coa intención de fuxirmos das visións parciais que case sempre ofrecen os seus manuais, excesivamente pesimistas ou que pecan de optimismo. Que mellor fonte de información para preparar temas como O galego, lingua en vías de normalización ou O galego de fins do XX e comezos do XXI que a realidade do día a día?

A polémica creada coa Lei Celaá foi o noso punto de partida; Na Galiza seguiremos empregando o castelán como lingua vehicular, rezaba un titular coas palabras do presidente da Xunta, que se reafirmaba unha vez máis no suposto bilingüismo harmónico que gozamos, avivando o conflito lingüístico nas aulas. Ao pouco tempo, centos de chíos contestábanlle nas redes sociais co cancelo #OgalegoNonMata.

Sorprendeu que nunha institución como a universidade unha profesora se negara a corrixir o traballo dun alumno: “No puedo corregir la redacción en gallego”; tamén neste caso as redes reaccionaron con rapidez lamentando que se estivese tan lonxe da normalización. Outros titulares, porén, informaban de que a UDC lle lembraba á profesora o seu deber de facelo e mostráballe todo o seu apoio ao alumno. Recollemos outro sí novas relacionadas coa universidade que eran máis alentadoras: a publicación de recursos para mellorar a calidade lingüística (A USC publica 19 guías para achegar o galego á docencia); ou para promover o emprego da lingua nos traballos académicos do estudantado (A USC convoca os XVII premios á calidade lingüística en galego ou O alumnado galegofalante protagonista do calendario 2021 da Universidade de Vigo).

Noutros sectores como o da xustiza constatamos o pouco que se avanza (O Tribunal Supremo rexeita unha querela contra o rei emérito por estar escrita en galego). Tamén observamos a nula presenza da nosa lingua nas novas canles televisivas (O galego continúa ausente das plataformas dixitais, mentres Disney Plus incorpora o catalán); a vulneración dos dereitos lingüísticos nalgunhas empresas (A empresa Enaire inicia un expediente contra unhas traballadoras por usar o galego) e mesmo a pouca vinculación coa lingua de marcas como Estrella Galicia, que antes si a tiñan presente na publicidade (En catalán si, pero en galego non). Nesta última noticia analizábase como, a medida que a empresa se foi espallando e triunfando a nivel estatal, foi abandonando progresivamente o galego. Unha alumna comentou: “Como os que ao pór a garavata xa non saben…”. Pois iso!

Certo é que tamén recompilamos boas novas, como o éxito da campaña da Mesa pola Normalización reclamando unha canle Xabarín para a programación infantil e xuvenil; a presentación do estudo dunha publicista que revelaba A mocidade, a favor de que o téxtil galego comunique na lingua propia; recoñecementos Os premios Manuel Beiras destacaron as vantaxes da lingua galega para distinguirse nun mundo globalizado; noticias de contas nas redes sociais, como Media Laranxa, que ten entre os seus obxectivos a busca da calidade lingüística no campo da gastronomía; iniciativas da RAG para conectar o galego coa mocidade (A futbolista Vero Boquete estrea unha campaña de promoción do galego), e o éxito de participación no concurso Youtubeir@s.

Aproveitamos para recomendar o premio ao mellor vídeo do 2020: O cabalo de Alberte Merlo para tratar dun xeito ben divertido o tema da normativización e as distintas opcións, e non porque o fixeran dous alumnos nosos da Pontepedriña (que tamén!) As noticias e titulares que fomos comentando neste artigo están tirados, como dixemos, do Nós Diario. O alumnado foinos recollendo e agrupando en dous arquivos na aula virtual que titularon Pasos adiante e pasos atrás. Nas súas conclusións houbo optimistas e pesimistas, como nos seus manuais de bacharelato. Para unha parte, déronse pasos adiante importantísimos no proceso de normalización; para outra, pesan máis os pasos atrás. O que si é seguro é que este curso cadaquén sacará as súas propias conclusións e non se limitará a chapar os temas de sociolingüística.