Redúcense os contaxios nas residencias e soben as aulas fechadas

O Colexio La Salle de Compostela (Lmbuga)

Continúa a tendencia descendente no número de casos positivos nas residencias galegas no que o surto máis importante está en Xinzo de Limia. No ensino tamén diminúe a presenza da Covid-19 malia o aumento en dúas o número de aulas fechadas como consecuencia das medidas sanitaria.  

As residencias de maiores galegas mantiveron a tendencia descendente dos últimos días e reduciron a 33 os casos positivos, dos que 27 corresponden con persoas usuarias e as outras seis son persoal das mesmas.

Os datos achegados este sábado polas consellarías de Política Social e Sanidade, sinalan que se detectaron tres novos positivos en residentes maiores do estabelecemento Santa Mariña de Xinzo de Limia. Mentres, retirouse do cómputo por negativizar un usuario de cada unha das residencias DomusVi (Carballo), Mi Casa (Ferrol), Viana do Bolo e A Milagrosa (A Coruña).

O centro máis afectado segue a ser a residencia Santa Mariña de Xinzo de Limia, con 10 positivos, seguida por DomusVi Laraxe de Cabanas, con nove; e A miña Casa de Ferrol, con cinco. Tamén hai dous residentes contaxiados na Milagrosa da Coruña e un en Fogar Residencial Xardín Castro Lar de Salceda de Caselas.

En relación ao persoal das residencias os casos caeron a seis após dar negativo un profesional da residencia Servisenior (Brión) e outro do centro Nuestra Señora de las Virtudes (Pontedeume). Daquela, hai un caso positivo por cada unha destas residencias: Matogrande (A Coruña, Fogar Residencial (Cerceda), DomusVi Laraxe (Cabanas), a residencia de maiores de Caranza, Mi Casa (Ferrol) e As Gándaras (Lugo).

Os centros de atención á discapacidade mantivéronse sen traballadores contaxiados e os usuarios con coronavirus reducíronse a tres, deles dous na Residencia Adultos Pai Menni de Betanzos e un en Nuestra Señora de Fátima e Cristo Rei de Crecente. Ademais, negativizou un residente da residencia Aspanaes das Pontes.

Aumentan as aulas fechadas

Os casos activos de coronavirus en centros educativos galegos manteñen a tendencia descendente tras baixar a 642, aínda que as aulas fechadas incrementáronse lixeiramente até 34.

Segundo datos actualizados este sábado polo Sergas, o número de positivos reduciuse en 56 no último día até os 642, aínda que as unidades clausuradas aumentaron en dúas ao pasar de 32 até 34.

Os casos de Covid-19 diminuíron en todas as áreas sanitarias, fóra de na de Pontevedra, onde se manteñen en 95, o mesmo número rexistrado nos datos recollidos no último balance.

Os centros da área sanitaria coruñesa representan os que suman máis persoas contaxiadas

Os centros da área sanitaria coruñesa representan os que suman máis persoas contaxiadas, 270 (17 menos) e as aulas fechadas mantéñense en oito. O centro con máis positivos é o IES Monte das Moas da Coruña, que ten 17 e unha aula fechada; seguido polo CEIP Ponte dos Brozos Arteixo (A Coruña), que suma 11 contaxiados e dúas unidades clausuradas.

Pontevedra é a seguinte zona con máis casos, que se manteñen en 95, e contabiliza oito aulas clausuradas. O centro máis afectado é o IES Illa de Tambo de Marín (Pontevedra), con oito positivos e dúas unidades fechadas.

Séguelle a área sanitaria de Vigo, que rexistra 91 positivos (12 menos) e sete aulas fechadas (unha máis). Algúns dos centros máis afectados son o CPR Plurilingüe Compañía de María de Cangas (Pontevedra) e o CPR Martín Códax da urbe olívica, que suman seis e cinco contaxiados, respectivamente.

A área de Santiago conta con 67 persoas con coronavirus (11 menos) e dúas aulas fechadas (unha menos). O CPR Plurilingüe La Salle permanece como o máis afectado da zona, con cinco positivos, pero sen unidades clausuradas.

Nas demais áreas, Ferrol rexistra 51 positivos (nove menos) e cinco aulas afectadas (unha menos), Lugo suma 44 persoas contaxiadas (15 menos) e unha unidade fechada e en Ourense os casos baixan nun até os 24 e mantéñense en tres as aulas clausuradas.