As redes sociais no punto de mira: por que Bruxelas investiga YouTube, Snapchat e TikTok?
A Comisión Europea vén de concederlle un prazo de mes e medio, até o 15 de novembro, a YouTube, Snapchat e TikTok para que aclaren as medidas que están a tomar para cumprir coas novas regras da Unión Europea sobre servizos dixitais.
O obxectivo, aclarar se atenden á obriga de reducir os riscos para a saúde mental das persoas usuarias que poden supor as súas técnicas e sistemas de recomendación, aqueles que empregan para facer suxestións personalizadas ás usuarias de acordo coa información que figura nos seus perfís e as interaccións que realizan mentres as empregan.
Evitar danos engadidos sobre a saúde mental é unha das prioridades desta investigación aberta por Bruxelas que tamén estuda os efectos destas redes sociais en procesos electorais e no pluralismo dos medios.
Pluralismo, discursos de odico e adiccións
A Comisión Europea solicita información detalladas sobre os parámetros utilizados por estas plataformas nos seus algoritmos para recomendar uns contidos sobre outros contidos ás usuarias. No caos concreto de YouTube e Snapchat, a principal preocupación ten a ver co seu papel "na amplificación de certos riscos sistémicos, incluídos os relacionados con procesos electorais e o discurso cívico, o benestar mental dos usuarios, por exemplo no que a condutas adictivas se refire, e a protección dos menores".
Segundo indicou o Executivo comunitario nun comunicado, as preguntas remitidas ás compañías tamén apuntan ás medidas que están a tomar para mitigar a influencia potencial dos seus sistemas de recomendación na difusión de contidos ilegais, como a promoción de drogas ilegais e o discurso de odio.
No caso de TikTok, a Comisión espera información sobre as medidas postas en marcha para evitar a manipulación do seu servizo de recomendación por parte de terceiros e reducir os riscos relacionados con procesos electorais ou o pluralismo dos medios que poidan verse amplificados por estes sistemas.
As tres plataformas teñen de prazo até o próximo 15 de novembro para responder as súas preguntas e a partir de aí Bruxelas iniciará unha avaliación en detalle para decidir sobre os pasos para seguir, incluída a posibilidade de abrir un procedemento formal de infracción no marco da Lei de Servizos Dixitais.
Neste momento Bruxelas mantén procedementos abertos contra TikTok, AliExpress, Facebook e Instagram por incumprir as regras que rexen os sistemas de recomendación.

