As investigadoras fan 50 terzas feiras denunciando a súa precariedade

As investigadoras da USC visten de negro as terzas feiras para visibilizar as súas demandas (Imaxe: Celia Eiras Rubín).

A Asemblea de Investigadoras de Compostela comezou a vestir de negro nas terzas feiras en febreiro de 2019. Con esta acción queren visibilizar as súas reivindicacións: o cumprimento dun salario mínimo, a aplicación de subas salariais, o pago das indemnizacións ou o recoñecemento da súa antigüidade.

Esta semana, investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela (USC) alcanzaron as súas cincuenta terzas feiras en negro. Agrupadas na Asemblea de Investigadoras de Compostela, decidiron vestir de loito para visibilizar nos campus as súas reclamacións: a equiparación dos diferentes contratos de persoal predoutoral, o fin das diferenzas salariais ou a aplicación de medidas para poñer fin á precarización do sector

A AIC conta con 200 investigadoras censadas

A AIC naceu en 2017 a raíz dunha folga xeral de educación, lembran as súas integrantes. "Daquela o Estado levou a cabo un cambio no que mudaba o contrato de obra e servizo do persoal investigador por un contrato de prácticas, con todo o que isto implica a nivel laboral", explican a Nós Diario.

Catro investigadoras predoutorais coincidiron naquela folga e decidiron conformar a asemblea para que as investigadoras galegas artellasen as súas reivindicacións. "Catro anos despois, somos 200 as censadas", celebran desde a AIC.

Terzas feiras en preto
A iniciativa das terzas feiras en negro xurdiu en febreiro de 2019. "Son froito de meses de solicitudes de reunións sen resposta por parte dun goberno reitoral que se fixera eco das nosas demandas durante as eleccións, de palabras baleiras e falta de vontade para ofrecer solucións", afirma o colectivo.

Eses días de loito condensan as reclamacións das investigadoras á universidade. O persoal predoutoral e posdoutoral recibe un salario inferior e benefíciase de menos dereitos laborais que persoal contratado en cargo a un proxecto, cando desenvolven labores similares.

"Tamén buscamos melloras nas condicións de traballo das investigadoras sen contrato, un maior investimento en investigación e desenvolvemento ou o cumplimento das regulacións con perspectiva de xénero na institución", destaca o colectivo.

Ante o desleixo da USC, non queda outra que acudir aos tribunais

As investigadoras lamentan que as súas demandas non sexan escoitadas pola universidade. "Ante este desleixo, non queda outra que acudir aos tribunais", censuran, facendo fincapé en que a USC destinou máis de 1 millóns de euros en custos xudiciais nos últimos anos.

En 2019 o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza condenou a USC a indemnizar as investigadoras pola extinción dos seus contratos temporais, sentenza que a universidade recurriu. "E recentemente un Xulgado do Social de Compostela tamén condenou á USC a indemnizar a unha investigadora predoutoral e, posteriormente noutra sentenza, recoñeceu o dereito do mesmo colectivo predoutural a percibir o complemento de antigüidade, como recolle o convenio", aseguran. 

Obxectivos futuros
Grazas as terzas feiras en negro o colectivo gañou visibilidade, integrou máis membras e abordou novos retos. Hoxe, xunto co Colectivo de Investigadores Posdoutorais e PLAGTIS a asemblea traballa "na creación dunha plataforma que defenda a investigación galega de maneira plural e transversal". Grazas as terzas feiras en negro o colectivo gañou visibilidade, integrou máis membras e abordou novos retos.

Hoxe, xunto co Colectivo de Investigadores Posdoutorais e PLAGTIS a asemblea traballa "na creación dunha plataforma que defenda a investigación galega de maneira plural e transversal". Nas vindeiras semanas formalizarase a súa constitución. 

Fe de erratas: No artigo publicado na edición en papel do 5 de febreiro de 2019 indicábase que a USC destinara máis de 11 millóns de euros en custos xudiciais. A cifra correcta é 1 millón de euros, polo que a nova na web foi modificada.