A Rede Galega pola Investigación exixe perante a Xunta mellores condicións

Protesta de membros da Rede Galega pola Investigación, Investigal (Foto: Thales Valeriani).
IMembros de nvestigal protestaron esta sexta feira ante os edificios administrativos da Xunta da Galiza, en Santiago. O BNG pide ao Goberno galego que rectifique o anunciado no DOG.

Membros da Rede Galega pola Investigación (Investigal) protestaron esta sexta feira ante os edificios administrativos da Xunta da Galiza, en Santiago, para exixir mellores condicións predoutorais.

Segundo explicou un dos seus membros, Andre Vidal, para contar cunha bolsa predoutoral, é necesario estar matriculado nun programa de máster ou de doutoramento, ademais de ter unha media global igual ou superior a 7,5 puntos.

"Precisamente o que reivindicamos é a modificación destes criterios para que se revertan, onde non se nos pida estar matriculados nun programa de mestrado para este propio ano", sinalou Vidal.

En relación á nota de corte, Vidal subliñou que "é necesario universalizar as axudas, non dirixilas unicamente a un grupo seleccionado baseado nas cualificacións. Estas axudas están destinadas á formación de persoal investigador, non son axudas de excelencia académica, que estas xa existen".

Así mesmo, a membro do Investigal Nerea Cazas leu un manifesto coas principais reivindicacións deste colectivo entre as que figuraba a adopción de medidas "para frear a fuga de capital humano formado nas facultades públicas galegas". 

O BNG pide rectificar

As deputadas do BNG Mercedes Queixas e Cristina Fernández apoiaron a mobilización. A formación nacionalista considera que os criterios da Xunta “supoñen unha traba no desenvolvemento da investigación do país” ao “deixar fóra unha parte dos candidatos ás axudas convocadas”.

Por este motivo, o BNG exixe unha “rectificación inmediata nas bases da convocatoria, publicada onte no Diario Oficial da Galiza (DOG).