Contra os recortes en educación

A Rede Galega de Educación denuncia o desmantelamento do ensino no rural

A comunidade educativa da escola unitaria de Verducido denunciou o desmantelamento deste centro de ensino por parte da Xunta

A Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural vén de realizar diversos encontros na Galiza para debater e artellar resposta perante a próxima supresión de unidades escolares, servizos e prazas docentes nos centros de ensino rurais galegos prevista para o curso escolar 2019-20 pola Xunta de Galiza.

Desde a Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural veñen de realizar reunións na Galiza onde participou a comunidade educativa afectada pola supresión de unidades escolares, servizos e prazas docentes nos centros de ensino rurais galegos de cara ao curo escolar 2019-2020 por mor das decisións da Xunta.

Esta Rede do Rural vén de facer públicas as conclusións desas reunións que tiveron lugar nas localidades de Tui o 25 de xuño, Allariz o 26 de xuño, Compostela o 1 de xullo e Lugo o pasado 2 de xullo.

Nelas púxose en evidencia  a existencia de mobilizacións da comunidade educativa contra a supresión de escolas e servizos que ao realizárense unicamente con carácter local, non transcenden a todo o país, cando en realidade trátase dun problema xeneralizado que “máis tarde ou máis cedo afectará a moitas localidades galegas de tamaño demográfico reducido ou medio”, salientan desde a Rede, polo que consideran “imprescindíbel” traballar colectivamente para atallar esta problemática.

Avogouse tamén pola necesidade de ligar todo o labor de reforma da política educativa para o rural coa idea de desenvolvemento rural sustentábel

A Rede está a desenvolver estratexias para divulgar o labor desta organización de entidades e destas comunidades educativas de cara a lograr difusión e coñecemento público sobre o desmantelamento do ensino no rural.

Nas reunións realizadas coa comunidade educativa avogouse tamén pola necesidade de ligar todo o labor de reforma da política educativa para o rural coa idea de desenvolvemento rural sustentábel. Sinalan así que “non hai escola no rural sen rural, é dicir, sen xente vivindo no rural e do rural con vocación de permanencia”.

Constátase, aseguran desde a Rede após o proceso de debate, a necesidade de manter toda a oferta educativa formal no rural, tanto de Educación Infantil e Primaria, como de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos.

Desde a Rede amosan a súa disposición para canalizar as demandas, aspiracións e expectativas das comunidade educativas do rural galego.