REDE critica o apoio de Rueda á residencia Raiola, á que acusan por "fraude de lei"

Alfonso Rueda (segundo pola esquerda) e o alcalde de Santiago (no centro) xunto a outras autoridades onte na nova residencia (Foto: Europa Press).:
A visita oficial onte do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a un novo estabelecemento da empresa de residencias Raiola  reactivou a indignación da Federación de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia (REDE). Esta entidade considera que a empresa "practica a inmundicia coas persoas maiores".  

Nunha carta dirixida ao alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, REDE solicitoulle que non asistira onte ao acto oficial de presentación da nova residencia Raiola na capital galega. A razón desta petición é, segundo indican, a situación das traballadoras e a denuncia que tivo en setembro un xeriátrico da mesma empresa tamén situado na capital galega.

Porén, demandáronlle que "se tiña que asistir, fixese chegar á dirección de Raiola a súa preocupación” polos feitos que consideran que “están a comprometer seriamente a saúde de persoas maiores moi vulnerábeis e o labor profesional das traballadoras dos coidados”.

Quen asinou a carta ao alcalde de Santiago foi Paulino Campos, presidente de REDE. En conversa con Nós Diario, Campos lembra como a Xunta, tras a apertura en decembro de 2020 da residencia Raiola Hórreo nas proximidades do Parlamento da Galiza, presentara esta empresa como “modélica”, algo que considera “mentira” e valora a compañía como “unha das peores que traballan nos coidados das persoas maiores”.

Baséase na situación "crítica e desesperada" que se denunciou en xaneiro de 2022 de 39 residentes nesa instalación “diante da escaseza de persoal de coidados”, o que determinara un surto masivo da Covid-19. 

Tal e como explicara Nós Diario no seu momento, a Xunta decidiu non intervir a residencia malia o elevado número de casos Covid-19 ao considerar que eran “leves” polo que a situación non era “preocupante”. Nesa altura, testemuños de familiares e do persoal laboral falaban entón dunha “situación dramática” pola que pasaban os seus achegados residentes.

Denuncia 

Meses despois, en setembro,  segundo indica Campos, presentouse unha denuncia diante dos servizos de inspección da Xunta da Galiza sobre o que REDE considera "irregularidades moi graves que indicaban fraude de lei e abusos por parte da empresa" cara ás 12 traballadoras xerocultoras (coidadoras) existentes en relación aos seus labores profesionais. 

Na denuncia, explica esta entidade, sinalábase que ese persoal, ademais de atender ás 39 persoas maiores ingresadas no estabelecemento, asistían a outras 10 usuarias dunha vivenda comunitaria situada no mesmo edificio, xestionada tamén por Raiola. Ademais, ambas as dúas instalacións non contaban con continxentes laborais diferentes como obriga a lei. 

Tamén evidenciaba que as xerocultoras facían funcións laborais que non lle eran propias, como limpeza e lavandaría, ademais de apoio a tarefas de recepción e cociña. Entre os aspectos máis importantes da denuncia, resalta Campos, estaba o de "non contar cunha enfermeira localizada, especialmente en fins de semana, polo que tampouco contaban", asegura, "coas súas curas as persoas residentes eses días". 

Como resultado da denuncia, sinalan desde REDE, "o servizo de inspección investigou a empresa e impuxéronlle unha multa de 7.500 euros". "É importante que se sancione", di Campos, "pois as inspeccións, normalmente, son reacias a abrir expedientes e moitas veces o que acontece é que se lle dá un tempo prudencial para que rectifique a empresa, e é lamentábel que se lle dea prazos á xente que delinque", engade.  

Este xornal púxose en contacto no día de onte con Raiola para coñecer a súa opinión sobre as acusacións de REDE, mais ao feche da edición non se obtivo resposta. 

Apoio institucional

No acto de presentación da nova residencia privada de Raiola en San Marcos (Santiago), que funcionará co sistema de casas compartidas de maiores, Alfonso Rueda lembrou que a Xunta impulsou o pasado mes de outubro a lei que ampara este novo modelo residencial e que esta é unha das primeiras residencias que empezan a funcionar coa normativa vixente.

O alcalde de Santiago de Compostela, tamén presente, destacou como importante "que exista unha oferta privada que poida sumar esforzos, é fundamental" posto que as residencias públicas "non chegan para atender toda a demanda ou as necesidades".