A Rede ContraminAcción rexeita o proxecto da lei de avaliación ambiental da Xunta

Carteis na parroquia de Cereo, no concello de Corcoesto, en protesta polo proxecto dunha mina de ouro na comarca de Bergantiños (Imaxe: ContraMINAcción).
Os colectivos da rede denuncian que a Administración galega busca empregar as súas competencias para limigar os requirimentos das lexislacións europea e estatal en materia ambiental.

A Rede ContraminAcción, formada por máis de dúas ducias de colectivos e asociacións ecoloxistas e de defensa do medio ambiente, denunciou este sábado nun comunicado o seu rexeitamento á Lei de avaliación ambiental da Galiza proxectada pola Xunta. Nun comunicado, as súas integrantes censuran que a Xunta emprega as competencias autonómicas "para tratar de limitar e reinterpretar os requirimentos da lexislación europea estatal en materia de avaliación de impacto ambiental".

O Goberno deu esta semana os primeiros pasos na tramitación da norma, que o 17 de xaneiro foi incorporada ao Portal de Transparencia para a súa consulta pública e envío de achegas e opinións. As integrantes da rede censuran que a Administración se limitase a publicar "dúas páxinas para explicar os problemas que se pretenden solucionar" en troques de "documentos claros e concisos que reúnan toda a información precisa para que a cidadanía se poida pronunciar sobre a materia"..

Na súa análise do documento, ContraminAcción salienta que a Xunta "trata de facer inefectiva e arbitraria a avaliación dos proxectos": "No canto de comezar un procedemento administrativo dun mínimo de cinco meses de duración, regularíase que sexa un informe da dirección xeral competente o que sinale se hai ou non esa posíbel afección. De concluírse a inexistencia de afección, non sería necesario tramitar un procedemento de avaliación ambiental".

Os colectivos explican que a propia Xunta informa de que unha alternativa á nova regulación sería a norma galega aprobada en 1995. Porén, a mesma Administración galega admite no documento publicado no Portal de Transparencia que as normativas aprobadas nos últimos anos, como a Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais aprobada en 2017, deixaron a norma practicamente sen efecto e "obsoleta".