A Rede de Apoio ás Persoas Refuxiadas sae á rúa contra as políticas migratorias

Inmigrantes, amoreados, aos pés dos axentes marroquís, tras tratar de pasar a España na sexta feira (Imaxe: Cedida)

A Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas convoca unha concentración este domingo, ás 20 horas na Praza de Cervantes de Santiago de Compostela, "contra as políticas migratorias" e "polas persoas asasinadas no valado de Melilla".

Nun comunicado, declarou que "a represión violenta exercida por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado español e da Xendarmería marroquí" ante o intento de acceso no valado fronteirizo de Melilla a pasada sexta feira "responde a unha das expresións máis sanguinarias das prácticas das políticas migratorias".

Así mesmo, asegura "non comprender" como o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "pode felicitar a Marrocos ante as mortes e as imaxes" que se puideron ver os últimos días. "Migrar é un dereito, non un delito", proclama.

O Foro Galego de Inmigración denuncia a "morte violenta de migrantes"

Este mesmo domingo, o Foro Galego de Inmigración denunciou "a morte violenta de migrantes na Fronteira Sur" o pasado día 24 de xuño "provocadas pola Policía marroquí". Segundo as últimas informacións oficiais, os falecidos ascenden xa a 23, unha cantidade que ONG sitúan en 37. "Estas mortes non poden quedar impunes", reclama.

Nun comunicado, a organización cualifica de "brutal" a intervención da policía marroquí contra centenares de persoas. Unha intervención que, ao seu xuízo, é "auspiciada" polos novos acordos "migratorios" do Goberno español con Marrocos.

Ademais, o Foro esixe unha investigación "urxente e independente" dos feitos que poida servir para "depurar responsabilidades" e, neste caso, "tamén as que poidan ter as autoridades e forzas policiais españolas".

Por outra banda, censura que "unha parte importante" das persoas que pretendían entrar en territorio español eran de orixe sudanesa e, por tanto, "susceptíbeis de solicitar e recibir asilo político no Estado español".

Por iso, pide "un cambio real nas políticas migratorias" españolas, en concreto, no caso da chamada "Fronteira Sur", xa que, insiste, "son as responsábeis últimas da morte de moitas persoas que pretenden achegarse a España para exercer o seu dereito ao refuxio". "Non debemos tolerar máis estas mortes de persoas inocentes", conclúe.