Os recortes na sanidade pública deixan O Salnés en mínimos

Recollida de sinaturas e bonecos no PAC de Baltar, no municipio de Sanxenxo, nunha imaxe de arquivo (Foto: Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo).

SOS Sanidade Pública informa de que a próxima semana o centro de saúde de Vilalonga ficará sen médicos e o Baltar, baixo mínimos en enfermaría.

A de Pontevedra-O Salnés é a área sanitaria máis castigada polos recortes en materia de sanidade pública. O propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu na sexta feira en sede parlamentaria “dificultades”.

A plataforma SOS Sanidade Pública informou na mañá do sábado de que a próxima semana será máis complicada a nivel asistencial na comarca do Salnés. Pon como exemplo o caso de Sanxenxo, onde o centro de saúde de Vilalonga ficará sen persoal médico e o de Baltar, en mínimos de enfermaría.

“A semana do 5 ao 9 de decembro, no consultorio de Vilalonga, perto de 3.000 persoas non van ter médico para as consultas ordinarias. Suponse que as emerxencias serán canalizadas vía 061 e que parte delas serán derivadas a Baltar e/ou centro hospitalario de referencia”, advirte o colectivo.

Unhas 3.000 persoas a cargo dun só médico

SOS Sanidade Pública denuncia que a Consellaría de Sanidade non prevé substituír a baixa laboral dunha médica do centro de saúde de Vilalonga. Baixa, di, que se presupón “de moi longa duración”. Un feito que provoca que a atención sanitaria ordinaria de case 3.000 persoas estea cargo dun só medico, “coa sobrecarga que iso supón”.

“A vindeira semana, e debido a días de libre disposición solicitados regulamentariamente polo médico presente e que, como é de dereito, foron concedidos, non vai haber ningún médico no consultorio de Vilalonga ao longo de toda a semana”, informa a plataforma, que di que as axendas “están fechadas”.

Á vez, centro de saúde de Baltar “denegan días de libre disposición ao persoal de enfermaría por non querer substituír o persoal de baixa, vacacións, etc., polo que esta mesma semana do 5 ao 9 non serán substituídas tres enfermeiras cuxo traballo quedará a cargo das que estean e atendendo parte das urxencias do consultorio de Vilalonga que lles deriven ao PAC”.

“Esta é a realidade, mais aló dos discursos edulcorados e dos plans irreais da Consellaría de Sanidade, a cal ten a obriga de buscar os recursos humanos necesarios”, advirte a plataforma, “médicos hai, o que fan falta son condicións de traballo dignas e soldos que estean á altura da situación, para os que poidan vir e para os que están a pé de canón, sostendo a depauperada sanidade pública co seu esforzo cotián”.

PAC de Baltar

A situación que atravesa a sanidade pública no Salnés saltou aos medios de comunicación este verán, despois da morte, o 6 de agosto, dunha muller no PAC de Baltar, por falta de ambulancia, segundo denunciara a familia.

Precisamente, no mes de agosto, a Consellaría desactivara as axendas no centro de saúde de Baltar.