Recortes en Noia: o CEIPP Alexandre Rodríguez Cadarso mobilízase contra a falta de docentes e persoal coidador

Concentración este 11 de setembro en Noia. (Foto: Nós Diario)

Nais e pais do CEIPP Alexandre Rodríguez Cadarso alertan de que as decisións da Consellaría de Educación poñen en risco a inclusión e a calidade do ensino en Noia. Denuncian a falta de profesorado e a redución de persoal coidador nun centro con alumnado con altas necesidades de apoio.

A comunidade educativa do CEIPP Alexandre Rodríguez Cadarso de Noia concentrouse ás portas da casa do Concello esta quinta feira para denunciar a política de recortes da Xunta da Galiza que, aseguran, compromete tanto a calidade do ensino como a atención ao alumnado con necesidades específicas. Pais, nais e profesorado alertan dunha "situación insostíbel" e reclaman ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que rectifique de inmediato.

Un dos principais focos de conflito está na aula de terceiro de primaria. O curso pasado, cando o grupo cursaba segundo, autorizouse o desdobre ao superar a ratio de alumnado unha vez ponderadas as necesidades do alumnado con discapacidade. Este curso, con 25 nenos e nenas —equivalentes a 29 ao aplicar a ponderación prevista no DOG do 17 de xaneiro de 2024—, Educación négase a repetir a medida. "Primeiro suprimen un titor, que é o que permite o desdobre, e agora din que non se superan as ratios porque non contan os ponderados", critica a presidenta da ANPA, Silvana Janeiro.

Unha praza menos de inglés e persoal coidador compartido

A isto súmase a ameaza de supresión dunha praza definitiva de primaria con perfil de inglés. A docente que a ocupaba incorporouse ao corpo de Secundaria, e desde Inspección sosteñen que o centro só ten dereito a cinco prazas de Primaria máis unha de francés. Porén, o catálogo oficial publicado no DOG en 2018 recolle expresamente seis prazas de Primaria e unha de francés. "A Consellaría pretende eliminar un posto que é imprescindíbel para o funcionamento do colexio", alerta Janeiro.

As familias tamén denuncian recortes no persoal coidador. O pasado 5 de setembro a Dirección recibiu unha chamada de Inspección informando de que un dos coidadores debía repartir a súa xornada entre o CEIPP e o IES Campo San Alberto. Ambos os centros contan con alumnado con discapacidade do 100%, que precisa dunha atención constante.

A medida, anunciada como temporal, estenderase previsibelmente até novembro, xa que a persoa asignada ao IES está de baixa laboral e non se reincorporará até despois das vacacións. Desde ambos os centros advirten que a situación vulnera o dereito do alumnado a unha educación inclusiva e de calidade.

Ante esta situación, a comunidade educativa de Noia pide ao conselleiro de Educación que rectifique e dote o centro dos recursos humanos necesarios.