Reclaman que a Xustiza paralice os desafiuzamentos entrementres non se pronuncie a UE

A plataforma cidadá Stop-desafiuzamentos reclamou en Santiago que xuízas e xuices lles pare os pés a unha banca empeñada en botar da casa 50 persoas ao día. O concello de Compostela debateu unha iniciativa do BNG para modificar a Lei hipotecaria e diante da casa consistorial ducias de persoas declararon a capital galega 'libre de desafiuzamentos', nun acto festeiro en que anunciaron un acordo subscrito até pola Igrexa católica


A plataforma cidadá Stop-desafiuzamentos entregou esta quinta feira nos xulgados de Fontiñas, en Compostela, unha carta dirixida aos e ás xuízas en que lle piden que actúen de oficio para frearen a carreira emprendida polos bancos, empeñados en botaren da casa 50 persoas ao día. Reclaman que non se executen máis ordes de desaloxo "polo menos até que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea tome unha decisión" respecto das preguntas que lle formularon profesionais da xustiza de todo o estado.

"Os xuíces están a pór o seu gran de area", sinalou Pilar Gaioso en representación da plataforma, quen insistiu en que son est@s profesionais e os colectivos sociais os que se están a mover para pararlle os pés á banca. Gaioso fixo referencia ás persoas que no último mes se viron obrigadas ao suicidio pola situación extrema en que as colocou a crise capitalista aínda cando a propia entidade bancaria con que asinaban a hipoteca "era consciente de que non había grandes patrimonios que as avalasen", queixándose de que "as esixencias se relaxaron".

Entidades que foron nacionalizadas son xustamente as máis reticentes a negociaren alternativas como a dación en pagamento --entregar a vivenda e condonar a débeda--, a pesar de que as reivindicacións de Stop-desafiuzamentos van máis aló e exixen o alugueiro social, posibilidade en que a familia quedaría co inmóbel e pagaría por vivir nel unha cantidade que non superaría en ningún caso o 30% dos seus ingresos. Espetou Gaioso que o decreto do goberno español "é un parche" pois a porcentaxe de persoas que se beneficiarán del é moi baixa. O propio conselleiro de Economía, Luis de Guindos, recuou na súa estimación inicial de 600 mil a 120 mil afectad@s pola moratoria, que será de dous anos. "É unha maneira de calar a opinión pública e de deixar contenta a banca", resumiu Gaioso.

A utopía dunha Compostela 'libre de desafiuzamentos'
O concello de Santiago debateu no pleno desta quinta feira unha iniciativa do BNG en que se demandaba a modificación da Lei hipotecaria para frear os desafiuzamentos. Exixiu o grupo municipal nacionalista que unha comisión creada a tal efecto asesore as persoas que se atopen inmersas nun proceso de desaloxo, así como que o goberno local prescinda dos servizos daquelas entidades bancarias que continúen deixando xente sen casa.

A formación frontista instou o executivo municipal, liderado en maioría por Ángel Currás (PP), que lle pida á Xunta que exixa perante o goberno español unha mudanza na Lei hipotecaria que paralice os desaloxos e que teña carácter retroactivo. A mesma medida defendeuna o BNG no Congreso en marzo de 2011, e é a terceira vez que a levan ao pleno municipal. Desta volta, @s nacionalistas apoiaron a achega feita polo PP na liña de "avanzar na reforma da Lei hipotecaria" e instar a Xunta a que habilite vivendas sociais a persoas en situación de desafiuzamento. 

Entrementres dentro do concello se procedía á votación desta iniciativa, fóra, na praza do Obradoiro, ducias de persoas deixáronse levar "polo noso poder de clarividencia" e declararon a capital galega 'municipio libre de desafiuzamentos'. Entre a reivindicación e a troula, anunciaron "aos catro ventos" un amplo acordo do cal faría parte até a Igrexa católica, sinalando o bispo Julián Barrio que as vivendas que posúen en propiedade ficarían ao dispor das persoas que non teñen casa. Lembramos neste punto que o Consello xeral do poder xudicial ten contabilizados na Galiza 17 desafiuzamentos cada día, e que cada un deles afecta unha media de tres persoas. Namentres, en todo o estado, o propio ministerio de Vivenda recoñece que hai 38 mil casas sen xente.