Acto do Movemento da Saúde Mental en Lugo

Reclaman eliminar a contención mecánica en pacientes psiquiátricos

Imaxe do acto promovido en Lugo polo Movemento Galego de Saúde Mental.

No Día dos Dereitos Humanos Nós Diario conversa coa voceira do Movemento Galego de Saúde Mental, Rosa Cerqueiro Landín sobre a necesidade de eliminar a contención mecánica na atención á saúde mental, unha práctica que sinala como un retroceso democrático nas liberdades dos pacientes. 

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) promoveu onte, venres 9 de decembro, un acto baixo o título "Saúde Mental sen ataduras. Contencións cero" co gallo do Día dos Dereitos Humanos. Unha efeméride que celebran cada ano e que neste 2022 recaeu na cidade de Lugo.

Cun acto simbólico no que amosaron unha persoa recibindo contención física, isto é, permanecendo atada de mans, pés e torso durante tempo indefinido, buscaban denunciar a persistencia de prácticas coercitivas na atención á saúde mental. Foi obxectivo do acto tamén "sensibilizar a sociedade sobre as consecuencias lesivas que estas prácticas teñen na vida e dignidade das persoas", sinalan desde o colectivo. 

En conversa con Nós Diario, a voceira do MGSM, Rosa Cerqueiro Landín, afirma que a existencia do uso de contencións físicas de persoas ingresadas é unha práctica considerada como vulneración xa desde o ano 2008, cando as Nacións Unidas asinaron a Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade. "Imos con atraso", sentenciou a voceira.

Cerqueiro recorda que os Estados asinantes da Convención (entre eles, o español) teñen que "dispoñer os recursos necesarios en canto a cambios de espazos [...] e cambios no modelo de atención, máis respectuosos", que promovan a erradicación da contención mecánica. Reclaman tamén máis transparencia: "sendo un acto que vulnera e limita dereitos, debera haber unha notificación e un rexistro" que xustifique a contención.

Desde o MGSM defenden que é posíbel outro modelo de atención á saúde mental. "Non o dicimos nós, estamos dicindo o que levan anos xa dicindo a ONU, o Consello de Europa e distintos organismos internacionais. Hai suficiente experiencia internacional de estados que realizaron outro tipo de formas de traballar en saúde mental que supoñen a eliminación da contención mecánica, e foron un éxito" relatou Cerqueiro a Nós Diario.