Reclaman para Chantada a declaración de zona catastrófica dada a sarabia caída

Bancais en San Fiz de Chantada afectados pola sarabia. (Foto: Chantada-CUP)
O pedrazo da cuarta feira acabou con hectáreas de viñedos

A intensa sarabia caída na tarde da cuarta feira en Chantada provocou importantes danos nos viñedos da localidade. Os produtores da zona consultados por Nós Diario deron por perdidas as colleitas deste ano, como consecuencia da tormenta de tan só uns minutos, que danou uvas e vides e adiantaron unhas cuantiosas perdas económicas. A zona cero da catástrofe foi a parroquia de San Fiz, onde resultou destruída a totalidade da colleita, resultando tamén afectadas diversas plantacións de vide dos núcleos de San Pedro, Pesqueiras, Sabadelle ou Belesar. 

"Un desastre, un auténtico desastre. Levou a uva, levou a folla e afectou á planta. A colleita para este ano está perdida e nalgún sitio para o ano que vén.

Agora toca mirar de salvar a planta onde sexa posíbel", sinala Rafael Fernández, un viticultor con plantacións en diversas parroquias de Chantada, quen non dubida en cualificar a situación como "a ruína total". Fernández, quen atende a Nós Diario mentres percorre as fincas que traballa na Ribeira Sacra, destaca que de "Belesar vila cara a abaixo, até Pincelos, a cousa está ben, pero de Belesar cara a arriba non se aproveita nada". Amosa a súa preocupación "pola planta que sufriu moito" e teme que "con varios días de calor colla fungos por todas as feridas que lle quedaron".

O etnólogo e adegueiro chantadino Roberto Regal lembra a Nós Diario que "non nos enfrontamos só a danos na uva, senón a danos morfolóxicos na planta", convencido de que "o acontecido vai afectar tamén á produción do vindeiro ano". Asemade, destaca que moitas das plantacións non contan con seguros, polas dificultades para contratalos polas dimensións das parcelas e tamén pola súa repercusión nos custos de producións.

Zona catastrófica

Regal entende que "a primeira medida é a declaración de zona catastrófica", unha solicitude tamén formulada desde o Concello de Chantada. "Precísanse axudas directas", continúa Regal, quen defende que "a partir de aí hai que formular modelos de viabilidade en si, con mecanismos de seguridade. 

O portavoz da Asociación Galega de Viticultura, Roberto Rivas, urxe a "Administración á posta en marcha de axudas directas para os afectados" e anuncia "a solicitude de zona catastrófica para as parroquias danadas". Rivas considera que a solución debe vir da man dos poderes públicos e pídelle á Xunta da Galiza que "non volva coa milonga dos seguros". "Os seguros son difíciles de tramitar en parcelas pequenas e ademais non ofrecen cobertura sobre cuestións importantes, como por exemplo en enfermidades endémicas do viñedo na Galiza como o oidio ou o mildiu", conclúe Rivas.

A Fruga dirixiuse á Xunta da Galiza para solicitar a declaración de zona catastrófica, "hai que ter en conta que estes danos supoñen perdas na colleita actual, danos nas infraestruturas das explotacións e, o máis importante, danos nas plantas que se traducirán na necesidade de repoñer moitas delas". O BNG e o PSdeG sumáronse á petición da declaración para dotar de axudas as persoas afectadas pola sarabia.