O pedrazo caído en Chantada estraga viñedos da Ribeira Sacra

Imaxe de como quedou unha zona de viñedos co granizo. (Foto: Nós Diario)

A tormenta que azouta Galiza esta terza feira deixou unha gran listaxe de incidencias no interior da Galiza, especialmente pola abundante caída de saraiba en puntos como Chantada ou as intensas choivas padecidas na cidade das Burgas.

A saraiba complicou a circulación no corredor cara a Escairón, concretamente no lugar de San Fiz, e provocou importantes estragos nos viñedos da comarca de Chantada, na Ribeira Sacra.

Ademais, axentes da Policía Local tiveron que cortar temporalmente o corredor que conecta a vila con Monforte de Lemos debido á acumulación de xeo, que esnaquizou a práctica totalidade das viñas da zona. No entanto, a circulación retomouse aos 15 minutos.

Precisamente, a saraiba concentrouse especialmente no interior, con algúns puntos de pedrazo. De feito, as choivas destacaron especialmente no municipio de Bóveda, onde se chegaron a acumular os 37,7 litros por metro cadrado.

Aínda así, os danos provocados polas precipitacións máis intensas rexistráronse en Ourense, con regueiros de incidencias debido ás inundacións de locais, garaxes e baixos comerciais e vías asolagadas por toda a cidade, ademais de desprendementos de rochas nalgunhas estradas.

As choivas notáronse especialmente a partir das 18,25 horas, cunha acumulación de 23,6 litros por metro cadrado, e as redes sociais enchéronse de vídeos e imaxes do casco antigo das Burgas completamente alagado.

Así mesmo, a tormenta deixou polo menos 2.268 raios ao longo desta xornada, especialmente entre as 14 e as 18 horas.

Aviso para a quinta feira

A Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias emitiu para esta quinta feira unha alerta por fortes choivas e tormentas que poderán sumar 30 litros por metro cadrado nunha hora e estar acompañadas por saraiba e refachos de vento fortes na Galiza, ademais de noutros puntos da península.