Reclaman apoio ás mulleres vítimas de abusos sexuais por un médico en Padrón

Montse Prado. POVISA. Comisión de Sanidade (1)
Montserrat Prado, deputada do BNG no Parlamento galego, recrimina ao Sergas que as deixara sen amparo cando denunciaron, non trasladase os feitos á Fiscalía e mantivese o facultativo. Propón a posta en marcha dun protocolo para actuar de modo inmediato. 

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, reclamou no Parlamento ao conselleiro de Sanidade que o Sergas se poña do lado das mulleres que denunciaron ser vítimas de abusos sexuais por parte dun médico en Padrón “acudindo con elas ao xulgado e apoiándoas” e se comprometa a tomar as medidas necesarias para “que algo tan desprezábel como isto nin quede impune, nin se volva repetir”.

Nunha pregunta en pleno parlamentario, Prado exixiu explicacións ao titular de Sanidade pola “falta de amparo” do seu departamento ás vítimas, após ter coñecemento dos feitos desde 2019 a través das queixas das propias afectadas.

Ademais de recalcar que “non hai absolutamente ningunha xustificación para non ter actuado de inmediato e ter posto os feitos en coñecemento da Fiscalía”, a deputada nacionalista reprobou ao Sergas que non tivese apartado de inmediato o facultativo e que o mantivese máis dun ano na súa consulta.

Para o BNG revélase “inaceptábel esta pasividade, encubrimento e ocultación” perante a gravidade duns feitos que a súa portavoz de Sanidade foi repasando cos relatos das propias vítimas e cuxas “testemuñas, incidiu, poñen os pelos de punta”.

A deputada nacionalista tamén exixiu, por último, a aclaración transparente de todas as accións realizadas polo Sergas ante uns feitos de extrema gravidade que supoñen “abuso de poder e violencia de xénero nunha situación de tanta vulnerabilidade como cando unha muller precisa atención sanitaria”.

Resposta do Executivo     

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, defendeu que non houbo "demoras" nin "dilación" no expediente a un médico do centro de saúde de Padrón denunciado por varias pacientes por abusos sexuais.

"Nin houbo falta de amparo nin se demorou o proceso", sostivo o conselleiro, que incidiu en que "para ser garantistas requírense tempos".