Reclaman ao Sergas que incremente o persoal de Fisioterapia

Edificio da Consellaría de Sanidade en Compostela. (Foto: Europa Press)
Os datos que manexa o sindicato Satse falan de que hai un fisioterapeuta en Atención Primaria por cada máis de 17.000 pacientes, mentres que nos hospitais a proporción é dun por cada 15.000 persoas.

A secretaria xeral do sindicato de Enfermería Satse na Galiza, Malules Carbajo, remitiu unha carta ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para reclamar un incremento do persoal de fisioterapeutas tanto en hospitais como en centros de saúde do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Nesta misiva, Carbajo cualifica de "absolutamente insuficientes" os actuais cocientes destes profesionais para atender a poboación galega.

En concreto, os datos que manexa Satse falan de que hai un fisioterapeuta en Atención Primaria por cada máis de 17.000 pacientes, mentres que nos hospitais a proporción é dun por cada 15.000 persoas.

Así, o sindicato reclama que haxa, polo menos, un fisioterapeuta por cada centro de saúde, porque se non as persoas que requiren da atención destes profesionais non teñen "máis remedio que acudir a centros privados".

De feito, a falta de emprego no Sergas fai que este colectivo "teña que traballar no ámbito privado", onde as súas condicións son "manifestamente mellorábeis"; ou fóra da Galiza.

Ademais, Satse asegura que unha "adecuada e suficiente" dotación de fisioterapeutas supón, ademais de beneficios en saúde, unha "clara rendibilidade económica" para as arcas públicas e tamén para o conxunto de empresas e institucións, xa sexan públicas ou privadas.

“Redución dos tempos de baixa laboral”

"Todos sabemos que a intervención temperá destes profesionais propicia a redución dos tempos de baixa laboral, así como a recuperación total, en moitas ocasións, da funcionalidade da persoa. De maneira paralela, un fisioterapeuta logra a recuperación con prontitude do benestar do paciente e a súa reincorporación ao mercado de traballo, ademais dunha clara mellora na contorna familiar", conclúe Carbajo.