Reciclamos ben os envases de medicamentos na Galiza?

Medicamentos antibióticos (Foto: Europa Press).
Segundo unha sondaxe realizada por Sigre, 98% dos galegos considera que o coidado do medioambiente é importante para a saúde.

Os galegos reciclaron unha media de 112,4 gramos de envases baleiros ou con restos de medicamentos caducados ou non utilizados nos Puntos Sigre situados nas 1.379 farmacias da Galiza.

Esta cifra supón 4% máis que un ano antes e oito gramos máis que a media a nivel estatal, lográndose reciclar 67,8% dos materiais de envases depositados despois de transportalos á planta de clasificación de envases e residuos de medicamentos de Sigre.

Segundo unha sondaxe realizada por Sigre, 98% dos galegos considera que o coidado do medioambiente é importante para a saúde, mentres que 86% dos fogares incluíu xa a reciclaxe dos medicamentos dentro dos seus bos hábitos.

"A emerxencia planetaria provocou que a poboación sexa cada vez máis consciente de que as persoas non poden estar sas nun planeta enfermo. Baixo esa mesma premisa, o sector farmacéutico adiantouse á lexislación ambiental e creou Sigre de forma pioneira no Estado hai máis de 20 anos. Os datos obtidos en 2022 mostran que Sigre é un sistema moi consolidado e da máxima confianza para a sociedade", indicou o seu presidente, Humberto Arnés.

Cuestións a mellorar

Entre os campos de mellora, a enquisa mostra que aínda falta concienciación cidadá sobre a importancia de non acumular os antibióticos tras finalizar un tratamento e reciclalos correctamente para evitar que contribúan á xeración e dispersión de resistencias, subliñou Sigres nun comunicado.

Ademais, puntualizou que tamén faltan coñecementos sobre como refugar adecuadamente produtos sanitarios que non deben depositarse no punto Sigre, como as radiografías, as xiringas, os termómetros ou as máscaras.