O coronavirus fai mudar a organización das tradicionais carrozas

As recepcións oficiais substitúen os desfiles das cabalgatas de Reis

Desfile de cabalgatas de Reis Magos na ponte internacional de Tui (Pontevedra). (Foto: Europa Press)

A Covid-19 obriga aos concellos a buscar alternativas para non deixar as crianzas galegas sen desfiles de Reis. As carrozas estáticas ou as recepcións con inscripción previa son as alternativas máis utilizadas.

As cabalgatas dos Reis Magos substitúense por recepcións oficiais na maior parte das grandes cidades galegas. Os desfiles percorrerán os barrios da Coruña e Pontevedra con diferentes horarios para “evitar aglomeracións e facilitar o cumprimento das medidas de seguridade, polo que non se repartirán doces e o retransmitiremos polas redes sociais”, indica a alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey.

O concello de Vigo habilitou unha plataforma ‘online’ para que as familias pidan cita previa de acceso as oito carrozas estáticas que estarán na avenida de Castelao a partir do mediodía. Ao igual que na Coruña, emitirase en directo o evento, neste caso dende as 19.30 ata as 20.00.

As crianzas de Lugo poderán desfrutar da cabalgata, tamén estática, na praza Horta do Seminario, en horario de mañá, e, en horario de tarde, na praza de Augas Férreas.

Pola súa banda, no concello de Santiago de Compostela, as cativas poderán entregar as súas cartas aos Reis persoalmente na recepción oficial que terá lugar na igrexa de San Domingos de Bonaval.

Na cidade ourensá, as crianzas tamén terán que realizar unha inscrición previa para poder visitar no auditorio municipal aos Reis Magos e, os menores de 12 anos censados no municipio, recibirán doces nas súas casas entregadas polos paxes reais.

No concello de  Ferrol os máis cativos comezaron o sábado a poder visitar as súas ‘maxestades’ de Oriente e poderán facelo ata as 21.00 de hoxe previa inscrición ‘online’. Ademais, os Reis farán unha aparición ‘streaming’ para todos aqueles que os queiran ven a través das pantallas.

Nos restantes municipios galegos tamén se optaron polas mesmas estratexias, quer desfiles en diferentes horarios, como en Carballo ou A Cañiza; quer cabalgatas estáticas como en Verín; as crianzas do País non se perderán esta tarde a aparición dos Reis Magos.