Denuncia de ADEGA

A receita da empresa da mina de Touro: suprimir os ríos

[Imaxe: ADEGA] Contaminación nos ríos afectados pola antiga mina de Touro

Explotaciones Gallegas, S.L., que desde hai anos extrae áridos da vella mina de Touro, propón suprimir os ríos para acabar coa contaminación dos cursos fluviais causados polos lixiviados da antiga explotación. Denúnciao a Asociación Ecoloxista ADEGA, que cualifica de “delirante” este último capítulo no “culebrón mineiro de Touro”.

Os lixiviados da antiga mina de Touro seguen a causar contaminacións no río. Segundo denuncia ADEGA nun comunicado de imprensa, Explotaciones Gallegas, S.L. propón un proxecto que consiste no bombeo temporal das augas dos regatos Portapego, Felisa e da balsa de Angumil con destino á balsa de Vieiro. Unha balsa que “tería que se baleirar ao abrir a mina, vertendo de novo a contaminación ao dominio público”, advirte a asociación ecoloxista. Desta maneira, suprimiríanse os cursos fluviais citados.

 

"O proxecto só supón o transvasamento temporal do problema dun lugar a outro"

 

“Xustifican o carácter provisorio destes bombeos pola limitada capacidade da balsa de Vieiro, hoxe case ateigada, para acoller o volume de auga desviada dos regatos, o que fixa un horizonte temporal máximo para o bombeo de 6,8 meses”, sinala ADEGA. “Logo de vertidas na balsa de Vieiro, non está previsto tratamento ningún para corrixir a hiperacidez e a alta carga de metais pesados destas augas, alén do bombeo, polo que o proxecto só supón o transvasamento temporal do problema dun lugar a outro, ao máis puro estilo dos trileiros”, engade a asociación.

 

Por que non se actuou coas augas?

 

ADEGA pon de manifesto que Explotaciones Gallegas non actuou nas augas do Portapego, Felisa e da balsa de Angumil porque a súa natureza hiperácida e fortemente metálica xerou unha biota de organismos extremófilos con grande interese científico, “resulta sorprendente e desde logo inaceptábel que Explotaciones Gallegas S.L. esgrima como xustificación para non resolver un problema de contaminación tan severo o suposto interese científico das augas contaminadas polos seus efluentes, fuxindo das súas responsabilidades na restauración do medio afectado”.
 

Igual de sorprendente, agrega ADEGA, “é a afirmación de que debido ao escaso caudal aportado por estes regos, a súa carga contaminante non afectará significativamente ao río no que verten, o Lañas, e finalmente ao Ulla, do cal é tributario”.

 

O que agocha o proxecto de drenaxe

 

Doutra banda, a asociación ecoloxista denuncia que o informe técnico de drenaxe presentado pola empresa perante Augas de Galiza recoñece que a balsa de Bama leva vertendo durante anos augas contaminadas pola mina ao Dominio Público Hidráulico, sen ningún tratamento e sen contar co preceptivo permiso de vertedura (que vén de solicitar). “A empresa recoñece a alta carga contaminante das augas de escorrentía interiores á mina, que denominan augas brutas. Son estas as que escoan cara Á balsa de Bama e fan que as verteduras por rebordamento desta balsa ao Brandelos non cumpran coas normas de calidade”, alerta a entidade.

 

"O informe técnico de drenaxe presentado pola empresa perante Augas de Galiza recoñece que a balsa de Bama leva vertendo durante anos augas contaminadas pola mina ao Dominio Público Hidráulico"

 

Explotaciones Gallegas S.L. afirma tamén, agrega ADEGA, que estas as augas brutas “xéranse na mina debido ao alto potencial acidificante de case a totalidade (>90%) dos materiais xeolóxicos naturais da explotación”. “Din tamén que o risco de acidificación é maior nas entulleiras onde se acumulan os estériles da antiga explotación. Estas afirmacións cuestionan a catalogación e cubicación que a promotora realizou dos materiais denominados NAG (non xeradores de drenaxe ácida) e PAG (potencialmente xeradores de drenaxe ácida), e que estimou nun 50%-50% como máximo, no proxecto de reapertura da explotación”, sinala.
 

Aliás, a concesionaria informa de altos contidos de cadmio -metal tóxico- para as augas brutas do interior da mina que chegan á balsa de Bama. En consecuencia, “a teoría que mantén a empresa (apoiada nun ditame pericial) de que o cadmio que aparece no rego das Pucheiras provén dos puríns vertidos pola actividade gandeira carece de calquera fundamento”.