As rebaixas no canon de Sogama sitúanse entre o negocio e o control do poder local

A última obriga anunciada pola Xunta para contar cunha rebaixa na tarifa de Sogama é empregar o colector marrón. (Foto: Sogama)
Os anuncios por parte de Sogama e a Xunta da Galiza sobre as bonificacións aos concellos que empregan o servizo desta empresa pública semellan contraditorios. Desde Adega e Galicia Ambiental explican un sistema que, consideran, ten "máis escuros que claros".

Un dos servizos máis importantes que prestan os concellos galegos, e que leva boa parte do seu orzamento cada ano, é a xestión dos residuos sólidos urbanos. A empresa pública Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), cunha participación da Xunta de 51% do accionariado, é a gran beneficiaria deste servizo que presta a 295 municipios do país. 

Coa pandemia polo medio e as dificultades económicas de moitos concellos, a tarifa que estes tiñan que pagar viuse reducida nos últimos tres anos nun 10% coa condición de diminuír o lixo enviado á planta de Sogama e de incrementar a reciclaxe dos colectores amarelos, obrigando, ademais, a aplicar esa rebaixa nos recibos da taxa de recollida de lixo que paga cada veciña e veciño. En 2022, eran 167 municipios os que pediron esta bonificación, un 57% do total. 

O anuncio da retirada da axuda creou alarma entre os concellos galegos, e a inicios de novembro a propia Xunta da Galiza indicaba que introduciría unha nova bonificación do 15% do canon de Sogama en 2023 para os municipios que instalen o quinto contedor, o marrón, destinado á recollida selectiva da fracción orgánica. 

O custo “artificiosamente competitivo”

Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Fins Eirexas explica a Nós Diario que lle resultou “sorprendente” o primeiro anuncio da retirada do canon “por ter sido empregado sempre como unha ferramenta política”. 

Os verdadeiros “custos” do tratamento de Sogama eran "moito máis altos do que a Xunta decidiu pór”. A razón de ser menor o prezo tiña que ver, para este ecoloxista, “por unha parte con compracer os concellos e por outra parte con desincentivar os sistemas alternativos ao de Sogama que no seu momento comezaron a funcionar”, en relación ao das plantas de Lousame e Nostián (A Coruña) que xa eran moi económicos. 

“A rebaixa do 10% sobre algo máis de 69 euros por tonelada, cando en realidade debería estar en ao redor de 110 euros como consecuencia do proceso de incineración, forma parte de querer que Sogama sexa artificiosamente competitiva”, indica Eirexas.

Para Adega, “resulta estraño que se faga en período electoral mais podería explicarse se pensamos que as contas non lle dan”, engade. Neste sentido, o aumento do prezo do gas que se emprega para secar a materia orgánica que se ten que incinerar para crear combustíbel e producir electricidade “non pode saír doutro lugar que dos petos da cidadanía”, segundo Eirexas. 

Unha estratexia planificada

Outro dos sorprendidos por esta situación foi o membro da asociación Galicia Ambiental, Benito García Carril. “Castigaba os que mellor reciclaxe facían. Algo inxusto e inoportuno”, opina en declaracións a Nós Diario. O posterior anuncio da Xunta de introducir unha nova bonificación é, para este consultor ambiental, “frear unha polémica que lles estaba a facer moito dano pola intervención primeiro do BNG e despois tamén do PSdeG”. 

Para García Carril, todas estas decisións “non son improvisadas e forman parte dunha estratexia perfectamente planificada de anunciar unha retirada da taxa, agardar a reacción e rematar por indicar que a redución será aínda maior, mais obrigando a entrar nun sistema de reciclaxe chamado ao fracaso”. 

Esta obriga “condena os concellos a empregar un único sistema de recuperación de materia orgánica, cando o contedor marrón non é a única solución nin a mellor” e realízase “por estar detrás claros intereses empresariais, como se demostrou cun acordo con varias compañías para a xestión de orgánico, mesmo de residuos agrícolas, nas súas plantas de biogás”, di García Carril, que cre que a intención é que desde Sogama se procure “incinerar materia orgánica, algo irracional ao conseguir que non entre nos parámetros da Unión Europea e da Administración do Estado español como fertilizante na agricultura, gandaría e forestal”.