A xustiza rebaixa outra condena por agresión sexual

Mobilización en Compostela o pasado 8 de marzo (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
A Audiencia Provincial de Ourense reduce a pena dous anos

A Audiencia Provincial de Ourense rebaixou onte a pena a un condenado por un delito de agresión sexual de oito anos a seis anos e oito meses de cárcere, após aceptar a solicitude de revisión da pena presentada polo procesado, que se encontra en prisión. 

Da mesma forma, tal e como sinala o auto, facilitado onte polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), reduciuse a prohibición de acercamento e comunicación coa vítima a sete anos e oitos meses, en lugar de nove. Segundo indica a resolución, os maxistrados accederon á revisión da sentenza, ditada en xuño de 2018, xa que a pena a impor, "se hoxe mediara un novo axuizamento, sería a de seis anos e oito meses en prisión". 

A Xustiza alude á lei do 'só si é si'

Desde a entrada en vigor da Lei Orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral de liberdade sexual -máis coñecida como a lei do 'só si é si'- as audiencias provinciais galegas revisaron e emitiron 26 autos referidos a condenas.

Do total, 18 casos supuxeron unha rebaixa da condena dos delincuentes, mentres que en oito ocasións foi mantida a condena porque a lei do 'só si é si' suporía que o xuízo saldaríase cunha pena maior que a que se puxo no seu momento.

A pasada cuarta feira, a Xustiza rebaixou as penas de cinco condenados por delitos sexuais, como así o recolleu Nós Diario, aludindo á aplicación da nova lei. Catro delas foron solicitadas e revisadas na Audiencia Provincial de Pontevedra a autores de delitos continuados de abuso sexual con penetración -agora considerado agresión-. Porén, rexeitaron revisar a condena de dous delitos ao saír prexudicado o reo.

Con todo, como así o lembrou Nós Diario, o Tribunal Supremo insiste na necesidade de analizar caso por caso, e non "de forma global".