Xustiza

Rebaixan de 16 a 13 anos a pena de cárcere a un octoxenario de Lugo que abusou de dúas irmás menores

Sede do TSXG, na Coruña. (Foto: Xoán Roberes)
O TSXG aprecia unha incorrecta aplicación da agravante de "especial vulnerabilidade", ao entender que esa circunstancia xa está considerada nos delitos por seren cometidos sobre persoas menores de 16 anos de idade.

A sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza vén de estimar parcialmente un recurso interposto por un octoxenario de Lugo que fora condenado a un total de 16 anos de cárcere por agredir sexualmente a unha nena e abusar tamén sexualmente da súa irmá, de maneira que rebaixou con esta nova decisión a pena até un total de 13 anos de prisión.

Os feitos ocorreron en 2015, cando o procesado, daquela de 74 anos de idade, coñeceu as nenas, de nacionalidade estranxeira, nun parque da cidade e convenceunas, gañándose a súa confianza e comprándolles lambonadas, para que o acompañasen á súa casa. No domicilio agrediu sexualmente unha das irmás e abusou sexualmente da outra, obrigándoa a bicalo. A agresión sexual repetiuse en varias ocasións máis.

A defensa recorreu a sentenza condenatoria, alegando, entre outras cuestións, que a Audiencia Provincial de Lugo non fixera unha correcta valoración da proba, ou que se produciran dilacións indebidas, unha circunstancia atenuante.

Na súa sentenza de resposta, o alto tribunal galego rexeita algúns destes argumentos e valida a correcta valoración da proba realizada polo tribunal de instancia. Respecto diso, sinala que os peritos deron credibilidade ao testemuño das vítimas, fronte ás contradicións do acusado na vista, e que non houbo un ánimo espúreo nas rapazas, que foron remisas a denunciar e que non coñecían de antes o acusado.

O TSXG tamén desestima a circunstancia atenuante de dilacións indebidas, porque non se excederon os prazos ordinarios no procedemento e a defensa tampouco invocou en instancia esta circunstancia.

Con todo, o tribunal si aprecia unha incorrecta aplicación da agravante de "especial vulnerabilidade", ao entender que esa circunstancia xa está considerada nos delitos por seren cometidos sobre persoas menores de 16 anos de idade. Por iso acordou aplicar a redución de penas de prisión.