Mobilidade

Reaberta a liña Santiago-Ourense nunha xornada con novos atrasos entre A Coruña e a capital

A liña ficou cortada entre os días 22 e 24 de abril. (Foto: Europa Press)
Os primeiros trens do día na liña A Coruña-Santiago rexistraron atrasos medios de 25 minutos por mor dunha incidencia en Cerceda, no mesmo día en que volveu operar con normalidade o traxecto entre a capital do país e Ourense após tres días de obras.

A circulación ferroviaria entre Ourense e Santiago de Compostela reabriu na mañá desta terza feira após tres días de obras nas infraestruturas, que obrigaron as persoas viaxeiras a desprazarse por estrada neste tramo e a reformular parte da programación horaria. Os trens volveron circular con normalidade desde as 5.15 horas.

Durante eses tres días de paro leváronse a cabo obras nas vías que incluían a posta en servizo do sistema de protección do tren 'ERTMS' no seu nivel 1 no eixo atlántico e na contorna da estación de Santiago, incluído o tramo no que se produciu o accidente do Alvia en 2013. Un accidente no que xogou un papel chave a ausencia, precisamente, do 'ERTMS'.

O transporte por estrada ocasionou aumentos considerábeis no tempo de viaxe para as persoas que habitualmente se desprazan en tren e a incoveniencia de que nos traxectos por estrada non está permitido levar bicicletas nin animais de compañía.

Novos atrasos na liña

Estas vías que unen a capital galega con Ourense retomaron a actividade nunha xornada na que Renfe, porén, non puido operar con normalidade desde primeira hora en todas as liñas.

Así, os trens que circulan entre A Coruña e Santiago de Compostela rexistraron nas primeiras frecuencias do día atrasos medios de 25 minutos debido a unha incidencia na infraestrutura á altura da estación de Cerceda-Merirama.

Desde Adif deron por resolta esta incidencia e a reanudación do servizo con normalidade contra as 9.25 horas desta terza feira.