Un proxecto de realidade virtual reproduce "efectos comparábeis" aos das drogas psicodélicas

Participantes no proxecto de realidade virtual. (Foto: Santi Alvite)
O traballo está liderado por David Glowacki, investigador do CiTIUS da USC, e abre unha morea de posibilidades para o seu uso terapéutico.

Os efectos de determinadas substancias psicoactivas pode reproducirse da man das experiencias grupais de realidade virtual. Iso é o que vén de concluír un traballo liderado por David Glowacki, investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), e publicado na revista Nature Scientific Reports.

"As fronteiras corporais de Isness son difusas, borrosas e suaves: esténdense máis aló dos límites do corpo físico, o que fai difícil especificar claramente onde termina un corpo e onde empeza outro", apuntan desde a USC. As persoas participantes accederon a este espazo virtual desde unha rede de nodos repartidos por distintos países do mundo, coma os Estados Unidos, Alemaña ou o Reino Unido, e nel "aparecen representados unicamente como esencias enerxéticas luminosas, cuxo resplandor se concentra en torno ao corazón", afirman.

Glowacki leva varios anos traballando nunha experiencia de realidade virtual multipersoa, denominada Isness. Así, grupos conformados por até cinco persoas "experimentan xuntos o xurdimento, a flutuación e a disipación colectiva dos seus propios corpos".

A experiencia Isness crea unha abstracción do corpo humano como esencia enerxética luminosa e difusa, "unha representación estética asociada co 'espírito' en diversas tradicións de sabedoría e meditación", precisa o persoal investigador.

"Seguimos mellorando a nosa tecnoloxía para xerar de maneira segura estas experiencias de auto-transcendencia dende a realidade virtual e contribuír ao desenvolvemento de alternativas terapéuticas", apunta Glowacki.

O investigador tamén sinala que o uso controlado de certas substancias psicoactivas representa unha aproximación particularmente prometedora para diversas áreas de estudo como a psicoloxía, a neurociencia ou a farmacoloxía.

O investigador David Glowacki. (Foto: Santi Alvite)

"Un estudo publicado en 2006, por exemplo, mostrou que 67% dos participantes que tiveron estas experiencias subxectivas mentres tomaban psilocibina como parte dun programa de 'psicoterapia psicodélica', consideraban que a experiencia estaba entre as máis significativas das súas vidas", sostén.

Porén, matiza, este tipo de terapias enfróntanse aínda a unha serie de "tabús" e "retos prácticos" para a súa administración xeneralizada, debido ao "medo ou pánico" que poden xurdir durante a experiencia, alén de "respostas fisiolóxicas asociadas", que adoitan ficar "fóra do control do terapeuta".