Unha sondaxe dará a coñecer a realidade do profesorado galego durante a corentena

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, coa comunidade educativa do CEIP Isidro Parga Pondal en 2019 (Moncho Fuentes).
A CIG-Ensino pecha unha enquisa na que participaron máis de 6.000 docentes da Galiza para coñecer polo miúdo a súa realidade profesional durante o estado de alarma.

“Queremos ter un coñecemento detallado da realidade profesional que cada un e unha de nós estamos a vivir, tanto individualmente como na nosa relación co resto do equipo docente e, especialmente, co alumnado. Queremos constatar cales son as condicións nas que estamos a facer o noso traballo”.

Con estas palabras, a CIG Ensino, sindicato maioritario no sector, avanzou o pasado 10 de abril unha enquisa para saber da realidade do profesorado durante a crise do coronavirus, un tempo no que o confinamento e a suspensión das aulas presenciais impuxeron a teledocencia como ferramenta de traballo no ámbito educativo.

Durante seis días, máis de 6.000 docentes de todos os ciclos educativos que se imparten na Galiza responderon as preguntas formuladas polo sindicato sobre o traballo de teleformación; conectividade, recursos e experiencia coas ferramentas en liña; o labor da Consellaría de Educación, as eivas que atopan á hora de manter a interacción co seu alumnado, a opinión que lles merece o avance no currículo durante o terceiro trimestre ou a planificación do vindeiro curso académico.

Alta participación

A alta participación do persoal docente, sinalan desde CIG-Ensino, “demostra a necesidade de expresarse que tiña o profesorado nunha situación tan excepcional como estamos a vivir”, unha iniciativa, engade, que debería ter asumido a propia Administración.

Desde a central sindical esperan que as conclusións desta consulta, que contan presentar en poucos días, “sirvan para que se escoiten as inquedanzas e demandas do persoal docente, o gran esquecido polos Gobernos na xestión desta crise sanitaria e socioeconómica”.

Incertezas

Para a CIG-Ensino os momentos de incerteza continúan, xa que non se sabe ben como se van desenvolver as probas de acceso á universidade (ABAU), como se vai resolver o terceiro trimestre ou cando se poderá volver ás aulas, “alén do que pasará coas oposicións docentes previstas para o 20 de xuño”.

O sindicato asegura que o profesorado se sente abandonado ante falta de planificación e de directivas claras por parte do Executivo da Xunta e do Goberno estatal. “Consideramos que a dimensión educativa, e as súas repercusións sociais, non está a ser tratada co respecto e a importancia que merece”, conclúe o seu comunicado.