“Queda moi desdebuxado que se vai facer na terceira avaliación a respecto do avance de contidos”

De momento, o alumnado galgo seguirá traballando desde as súas casas.

A Confederación Anpas Galegas insta á Consellaría de Educación a definir con claridade as posibilidades de “avance” no terceiro trimestre para non prexudicar o alumnado.

A Confederación Anpas Galegas considera que as instrucións dadas a coñecer onte pola Ministra de Educación, Isabel Celáa, sobre a terceira avaliación e a fin de curso atenden, en xeral, ás solicitudes que tanto as Anpas públicas da Galiza como os sindicatos maioritarios do sector lle trasladaron esta mesma semana á Administración galega.

“A ministra deixou bastante claro que o acordo xeral fixa a avaliación case exclusiva dos dous primeiros trimestres como avaliación conxunta do curso, de forma que se aprobaches esas dúas etapas, tes o curso superado. E o terceiro trimestre só pode servir para mellorar a nota, nunca para empeorala” resume Fernando Lacaci, presidente da Confederación Anpas Galegas.

O curso académico rematou

Desta forma, engade, a conclusión que se pode tirar é que o curso académico rematou o 12 de marzo, que o último trimestre resérvase para o reforzo, o repaso e a recuperación daquelas materias que o alumnado pode ter pendentes.

Neste contexto é onde as Anpas recoñecen a súa maior preocupación, por iso lle reclaman á Consellaría de Educación que clarifique con detalle “o que se vai facer” no caso galego.

Avance de contidos

“No marco estatal queda moi desdebuxado cal é a posición a respecto da evolución da terceira avaliación. O acordo permite que se avancen contidos, ademias doutras actividades de repaso e reforzo”, explica Lacaci. “Esta posibilidade vaise facer de forma discriminatoria porque as eivas de conectividade que non se resolveron nun mes non se van solucionar en mes e medio”.

En conversa con Nós Diario, o presidente da Confederación Anpas Galegas amósase preocupado por que triunfe unha falsa sensación de avance. “ Con que haxa unha soa crianza que non poida seguir o ritmo, ese ritmo non serve. Ou estamos todas ou non está ninguén”, recalca, para incidir na necesidade de que a Consellaría de Educación defina un plan específico, sempre en beneficio do alumnado, tendo en conta as materias que non foron accesíbeis para volvelas impartir o curso que vén. “Se non o facemos corremos un risco en enorme”

Programa de reforzo

Fernado Lacaci rexeita o Programa Proa, de reforzo ao que se referiu a Ministra Celáa, aínda sen desenvolver. “O que hai que facer é investir fondos públicos en infraestruturas estábeis, en contratar persoal para que haxa a posibilidade de desdobramentos e apoios educativos nas aulas e para que haxa profesorado de apoio ás necesidades especiais de forma permanente”.

Doutra banda, advirte da necesidade de coñecer a conectividade real do alumnado galego e as causas da falta de conexión para atender a teledocencia. “Non responden só a problemas de tecnoloxía, de autonomía ou de accesibilidade”.

Segundo di Lacaci, existe unha fenda emocional que non se está considerando. Familias con dificultades económicas, con profesións de risco, con persoas enfermas… “Sen coñecer este escenario con detalle, manter a ilusión de que estamos avanzando é amparar a discriminación a boa parte do alumnado”.

O papel da Consellaría

A Confederación Anpas Galegas urxe a Administración a facer propostas baseadas nas circunstancias variábeis do alumnado e na capacidade adaptativa do ensino para darlles a atención que requiren.

Para que queremos unha Consellaría de Educación senón? Unha vez dentro do marco excepcional que nos trouxo o novo coronavirus, deuse nunha nova normalidade. A Consellaría non fixo máis que esperar pacientemente a ver que pasaba, cando debería ter formulado diferentes plans para distintos escenarios. Está perdendo o tempo e facéndolle perder o tempo a moitas familias galegas”.