A realidade do párkinson, unha doenza neurodexenerativa e incapacitante

Persoal do servizo de Neuroloxía do CHUS prepara un paciente para la terapia con ultrasóns de alta resolución. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza).
O 11 de abril é o día mundial do párkinson, que afecta 4.000 persoas na Galiza segundo datos do Servizo Galego de Saúde.

O párkinson é a segunda enfermidade neurodexenerativa máis frecuente por detrás do Alzheimer. Aínda que pode amosar os primeiros síntomas nas etapas máis temperás da idade adulta -entre un 15 e un 20% dos casos desenvólvense antes dos 50 anos- adoita presentar unha incidencia alta na sexta e sétima décadas da vida. De feito, a súa incidencia aumenta exponencialmente coa idade. Cinco de cada 100 persoas maiores de 85 anos padecen párkinson, unha enfermidade cuxa prevalencia se sitúa entre os 120 e os 160 caos por cada 100.000 habitantes.

Síntomas múltiples

A enfermidade de párkinson é, segundo informa o Servizo Galego de Saúde, "unha doenza de múltiples sistemas neuronais". Os síntomas máis recoñecíbeis  son tremor no repouso, rixidez e acinesia, a perda de amplitude e velocidade do movemento. Desde a Asociación Parkinson Galiza-A Coruña, Eva Iglesias chama a atención sobre outros indicios máis prematuros que poden chegar a adiar o diagnóstico. "A dor muscular é moi frecuente e pode levar aos doentes a un periplo por diferentes especialidades que adían o diagnóstico definitivo". 

Ademais, o párkinson presenta síntomas non motores, menos coñecidos pero de gran relevancia para a calidade de vida dos doentes: depresión, apatía, dor, perda de olfacto, insomnio e "trastorno do control de impulsos", engade Iglesias, un problema engadido para as familias e os propios pacientes, "que adoptan condutas ou accións que poden resultar daniñas tanto para eles como para o seu contorno", aclara, antes de poñer como exemplo a obsesión polo xogo patolóxico.

Unha doenza incapacitante

Segundo datos do Sergas, o tremor esencial e o párkinson afectan a uns 4.000 galegos e galegas, unha cifra que desde a Asociación Parkinson Galiza-A Coruña elevan até 13.000, segundo datos da Federación Española de Párkinson.

Aproximadamente a metade dos doentes teñen efectos secundarios ou non responden ao tratamento "personalizado e adaptado a cada paciente", recalca Eva Iglesias.

"Cada persoa con párkinson presenta os seus propios síntomas. Os especialistas deben valorar cada caso de forma individual e determinar que tratamentos e terapias se poden axustar mellor á fase na que se atopa", e que requiren, di, dun seguimento constante co fin de afinar ou corrixir esas propostas.

A pandemia relaxou a atención que recibían os doentes de párkinson no ámbito da fisioterapia, a logopedia ou psicoloxía. "O confinamento supuxo un baixón tremendo en moitos casos, físico e psicolóxica. A perda de socialización a través das sesións grupais de traballo tivo un impacto tremendo", incide Iglesias, quen salienta o "efecto incapacitante" do párkinson e ao tremor esencial que afecta entre 0,4 e 3,9% da poboación xeral. "Este é o máis coñecido, pero hai outros tan limitantes ou máis como a rixidez muscular e os bloqueos, que aparecen cando a medicación deixa de facer o seu traballo. Quedan paralizados sen poder facer nada".

A investigación avanza pero "precisa maior impulso", asegura Iglesias para achegar solucións máis precisas.

A técnica HIFU trata doentes con Tremor Esencial Refractario

O Hospital Clínico Universitario de Santiago incorporou no mes de marzo a técnica HIFU, Ultrasón Focal de Alta Intensidade, unha tecnoloxía que se coñece desde hai cinco anos pero que vén de integrarse na sanidade pública. "Consiste no uso de ultrasóns de alta frecuencia para producir unha queimadura duns dous milímetros nunha zona moi concreta do cerebro, que é a responsábel do control de movementos. En 45 minutos o paciente sae da máquina de resonancia sen tremor", explica José María Prieto, xefe de servizo de Neuroloxía do CHUS.

Segundo o Sergas, "ofrecer resultados espectaculares de forma inmediata cunha gran seguridade e apenas sen contraindicacións" xa que asegura resultados sen pasar polo quirófano e abrir o cranio. É unha alternativa terapéutica para un 600 galegos e galegas con tremor ou párkinson.