Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza

“A reacción é de satisfacción e de aumento na nosa autoestima”

[Imaxe: Laura R. Cuba] Xoán Costa

O presidente e conselleiro delegado do Consello de Administración de Sermos Galiza, S.A., Xoán Costa, responde ás cuestións que lle formulamos ao redor do diario en galego, unha vez logradas as 3.000 subscricións que permitirán publicar o xornal en 2019.

Cal foi a reacción do Consello de Administración cando saben que chegan ás 3.000 subscritoras e subscritores?

 

Bon, para o Consello de Administración a progresión cara ás 3.000 subscricións era sabida e a reacción estaba predeterminada pola decisión tomada cando iniciamos a campaña: saír só se se daba a circunstancia de chegar a un mínimo de 3.000 subscricións para así garantir non só a viabilidade económica do proxecto mais tamén a súa independencia.

 

Hai exactamente un ano presentaban publicamente o proxecto para a saída do diario. Que balanzo fai de todo este tempo?

 

O proceso de socialización do proxecto, con case 60 actos públicos específicos por toda a Galiza aos que hai que sumar outros de presentación de libros ou monográficos tamén editados pola empresa, permitiunos comprobar que si existía esa base mínima. Era cuestión de chegar a ela. Desde setembro, unha equipa de case cen persoas, ás que quero agradecer o seu esforzo, aportaba quincenalmente unha cantidade de fichas de subscrición. Foi un período de traballo intenso finalmente compensado cos resultados.

 

Tiña declarado que o diario era necesario e posíbel. Posíbel xa vemos que é, ao acadar o mínimo de subscricións fixadas, a que responde o seu impulso?

 

Responde a unha dupla necesidade: Dunha parte, precisamos un diario aberto, que escoite todas as voces e ofreza información veraz e rigorosa e, doutra, para nos achegar un pouco máis á normalidade da nosa existencia como país. Galiza non conta na actualidade con ningunha cabeceira en papel diaria e en galego. Si conta cunha decena en español. E falo só das editadas aquí, non das distribuídas, que son moitas máis. O máis normal é termos medios de comunicación no idioma que nós criamos.

 

Cal está a ser a reacción das persoas ao anuncio da saída do diario?

 

Do que observo, quer das chamadas que recebín quer das mensaxes do grupo impulsor ou dos comentarios nas redes sociais, a reacción é non só de satisfacción mais, e sobre todo, de aumento na nosa autoestima. Había dúbidas, incredulidade, mais comprobar que se produce algo que dixemos durante toda a campaña, que só depende de nós, é algo fundamental para o futuro do proxecto.

 

 

Que lle diría a quen non se subscribira porque dubidaba do proxecto?

 

Hai algunhas persoas que pensan que non é momento dun diario en papel. A esas persoas eu diríalles que o xornal impreso ten, e seguirá a ter a certo prazo, moitísimo consumo leitor diario. Esa leitura, e a través dela a interpretación do mundo, estase a facer na Galiza desde outra lingua e é indispensábel facela desde a lingua propia. Combinada coa leitura dixital? Si. Por iso ofrecemos a réplica do papel en PDF, ao que tamén se poden subscribir. De feito, case un terzo das subscricións son á versión PDF.

 

 

Unha vez conseguidas as 3.000 sinaturas, que pasos van seguir?

 

Para o desenvolvemento de todo o proxecto xornalístico necesitamos un tempo mínimo de nove meses. Traballaremos no deseño gráfico, na equipa de xornalistas, na contratación de publicidade... e ao mesmo tempo na expansión do proxecto cara a todas as capas sociais. 3.000 era o mínimo mais non temos vocación de ficar en mínimos e a subscrición segue aberta.

 

Cando vai saír?

 

A previsión é facer as primeiras probas no mes de outubro preparando varios números durante un tempo sen os publicar en papel... No mes de novembro prepararemos un número cero, ou máis de un, para axustar impresión, distribución, etc. E a partir de aí fixar a data definitiva de saída ben no final de decembro ben nos primeiros días de xaneiro.

 

Cando se van cobrar as subscricións?

 

Aproximadamente un mes antes da saída do diario.

 

E mentres, vai seguir editándose de maneira independente o semanario Sermos Galiza?

 

Vai. Manteremos durante todo o ano 2019 o compromiso coas persoas asinantes do semanario que o seguiran recebendo nas mesmas condicións que actualmente. Logo, Sermos Galiza pasará a suplemento de fin de semana do diario.