Reabren unha peza da 'Operación Zeta' sobre supostas fraudes en cursos de formación

O empresario coruñés Gerardo Crespo (Foto: Xunta da Galiza).
A peza está relacionada con dous dos principais investigados, o empresario coruñés Gerardo Crespo e o ex presidente da Confederación de Empresarios e Autónomos do Estado Español (Caype) Eliseo Calviño

Unha das pezas separadas da coñecida como Operación Zeta, unha investigación sobre supostos fraudes en subvencións destinadas a cursos de formación, reabriuse de novo para dar traslado ás partes dun informe achegado pola Intervención Xeral do Estado.

Trátase dunha peza vinculada á Fundación para o Desenvolvemento da Empregabilidade e a Formación (Fundefo) e relacionada con dous dos principais investigados, o empresario coruñés Gerardo Crespo e o ex presidente da Confederación de Empresarios e Autónomos do Estado Español (Caype) Eliseo Calviño, segundo explicaron a Europa Press fontes xurídicas.

"A causa principal segue en arquivo provisional á agarda do informe solicitado por Facenda", ratificaron desde o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, precisando que a peza reaberta é a vinculada á Fundefo.

O obxectivo é que as partes poidan presentar as súas alegacións ao informe. O Xulgado de Instrución Número 6 da Coruña declarara o sobresemento en 2018 á espera do mencionado documento de Facenda. 

A investigación

A investigación relativa á Operación Zeta iniciouse en 2011 con sete persoas imputadas que ascendían a trinta en 2014. Entre elas estaba o empresario coruñés Gerardo Crespo, considerado impulsor da trama.

En 2016 acordouse citar a 25 persoas máis en calidade de investigadas. A elas sumouse a citación de tres cargos públicos, dous da Xunta e outro do Servizo Público de Emprego Estatal.

Algúns dos investigados acadaron a súa desimputación. Entre eles Francisco Ramón de Lucas, Pachi Lucas, que chegou a ser sinalado como o "suposto conseguidor" de cursos na súa calidade de "amigo persoal" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.