Mantense o feche ao baño nas praias da Coruña pola presenza de carabelas portuguesas, e súmanse as de Ferrol

Exemplares de carabela portuguesa recollidos esta cuarta feira, 30 de agosto, en Ferrol. (Foto: Concello de Ferrol)

No areal ferrolán de Santa Comba contabilizaronse máis de 30 exemplares de medusa

As praias coruñesas de Riazor, Orzán e Matadoiro, fechadas na terza feira, 29 de agosto, ao baño por presenza de carabelas portuguesas (Physalia physalis), manteñen a prohibición de baño esta cuarta, segundo ratificou o Concello da Coruña nas súas redes sociais.

Esa mesma xornada a alcaldesa, Inés Rei, precisou que agora se manterán as revisións "para comprobar se existen exemplares na auga e perto da costa".

Con todo, pediu á veciñanza que se se achegan ás praias "non as toquen" e que respecten as indicacións dos servizos de salvamento marítimo.

Bandeiras vermellas en Ferrol

Non obstante, os socorristas de todas as praias de costas situadas no municipio de Ferrol izaron a bandeira vermella en todos os areais esta cuarta feira, 30 de agosto, após a aparición de medusas da especie carabela portuguesa.

A única excepción son as praias do interior da ría, como son A Graña e Caranza, onde unha vez máis están colocadas as bandeiras verdes.

Segundo detallou o Concello de Ferrol, a maioría delas foron localizadas en Santa Comba, na parroquia de Covas, aínda que tamén apareceron, en menor número, nas demais praias.

Ademais, está previsto que nos areais nos que se detectaron poucas unidades irase pasando á bandeira amarela e informando por megafonía da posíbel presenza de medusas para evitar incidentes cos usuarios e coas usuarias.

Así, á primeira hora foi localizado un só exemplar en Doniños, doce en Ponzos, sete en Penencia, até as máis de 30 en Santa Comba, un número que foi aumentando segundo foron pasando as horas.