Reabre a investigación polas gravacións íntimas na Maruxaina

Manifestación de apoio ás vítimas en abril deste ano. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Audiencia Provincial de Lugo vén de dar a orde de que continúen as indagacións sobre o suceso acontecido en 2019 en San Cibrao, pois no auto indica que as imaxes e a súa achega a páxinas web de contido erótico puxeron en compromiso "a intimidade dun grupo de mulleres".

A Audiencia Provincial de Lugo estipulou esta quinta feira a reapertura das indagacións sobre as gravacións de mulleres ouriñando que se fixeron no decorrer da festa da Maruxaina, en 2019 en San Cibrao (Cervo).

Estes vídeos foron compartidos a través de plataformas dixitais de contido erótico e pornográfico, algunhas de acceso previo pagamento.

No auto dado a coñecer na quinta, os maxistrados consideran que o suceso implicou que se vira comprometida "a intimidade dun grupo de mulleres".

En consecuencia, decretou que se investigue "quen e como realizou as gravacións".

O escrito difundido polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) centra o seu interese no posíbel delito por produción e distribución de material pornográfico.

Así, indica que o tema a aclarar "vén determinado á consideración de que si, ao realizar a actividade na vía pública, a intimidade non se atopa protexida, pois non se ve comprometida pola filmación realizada ou, en caso contrario, si o está e a transgresión merece algún tipo de reproche penal". A Audiencia opina que "o propio concepto de intimidade non se pode limitar ao ámbito doméstico ou privado".

Con este paso, a sala revoga a decisión de arquivar o caso que adoptada o titular do Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro, que fechou a indagación e que, xa no mes de setembro, desestimara os recursos de reforma que achegaran algunhas das vítimas.

Contexto

Ese fora o resultado decidido polo xuíz instrutor do caso das gravacións a 87 mulleres, que concluíra que non existe delito contra a súa intimidade.

As imaxes foron rexistradas na vía pública, sen o seu consentimento, para subilas máis tarde a webs pornográficas.

A defensa presentou recurso e espera unha decisión máis "xusta". Malia que nun primeiro momento foi rexeitado, agora chega este xiro da situación a través da Audiencia Provincial.