O feminismo, contra o arquivo dos vídeos da Maruxaina

Manifestación de apoio ás mulleres gravadas nas festas da Maruxaina, en abril de 2021 (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Consideran que a decisión do xuíz  "permite que as mulleres sexan violentadas nas rúas e revictimizadas nos xulgados".

Feminismo Unitario de Vigo chama á mobilización para "esixir xustiza" despois de que o xuíz que instrúe o caso das gravacións de mulleres de San Cibrao ouriñando durante a celebración da festa da Maruxaina en 2019 volvese desestimar a denuncia.

No anuncio da convocatoria para este sábado,  as portavoces de Feminismo Unitario de Vigo Fedra Alcaraz e Ana Martínez leron un manifesto para amosar o seu rexeitamento a "un sistema patriarcal" que "permite que as mulleres sexan violentadas nas rúas e revictimizadas nos xulgados".

Por iso, avanzaron accións coordinadas con outras asociacións como Materfem, Colectivo Feminista de Pontevedra e Soño de Lilith que terán lugar este 9 de outubro en Vigo, Pontevedra, Santiago e Vilagarcía.

As convocantes advertiron que "non consentirán que se xustifiquen tan graves delitos" ao "restarlles importancia"

Contra a impunidade

Ademais de condenar a realización das gravacións "a máis de 87 mulleres, entre elas, menores" cuxas imaxes se subiron a páxinas web pornográficas, censuraron a resolución do titular do Xulgado 1 de Viveiro que volveu desestimar a denuncia. Neste sentido, sinalaron que "moitas" destas mulleres "aínda precisan tratamento psicolóxico" e que a resolución xudicial, "inxusta", é "contraria non só á petición das vítimas, senón tamén ao criterio da Fiscalía".

Así, reiteraron que "atenta" contra as persoas que foron gravadas e "supón unha ameaza aos dereitos e liberdades de todas as mulleres que reclaman como seus todos os espazos públicos".

As convocantes advertiron que "non consentirán que se xustifiquen tan graves delitos" ao "restarlles importancia" e "eximir de responsabilidades aos autores", polo que avanzaron que farán "todo o posíbel" para que "non se volvan a repetir" e "non queden impunes".

As imaxes sobre as que xira o caso da Maruxaina foron tomadas na vía pública e captadas con cámaras colocadas á mantenta para ese fin, de forma clandestina, para rexistrar o rostro máis os xenitais das mulleres que acudían ouriñar a unha zona oculta, afastada da festa. Ao cabo do tempo, as gravacións subíronse a páxinas web de contido pornográfico, algunhas de pago.