Ensino

Ratifícase o calendario escolar do próximo curso. Cando comeza? Que feriados hai?

Educación marcou as datas para o curso 2023/24 (Foto: Arxina)
A orde de Educación tamén estabelece o calendario de conmemoracións nos centros escolares, que arrincará o 20 de novembro co día da Infancia, ao que seguirá o 25 do mesmo co día contra a violencia de xénero

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta terza feira o calendario do curso escolar 2023/2024, que arrincará o día 11 de setembro para todas as etapas nos centros sostidos con fondos públicos.

Coa orde publicada fica ratificado o calendario pactado o pasado 16 de abril entre a Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades, cos sindicatos CIG, CCOO, ANPE, nunha reunión da mesa sectorial que modificou un calendario no que fixaba o inicio do curso para o 8 de setembro.

Así, o curso 2023/24 durará da segunda feira 11 de setembro á sexta feira 21 de xuño, excepto para os ensinos de réxime especial nin tampouco para 2º de Bacharelato, que depende das datas da ABAU.

As vacacións de Nadal irán do 22 de decembro ao 7 de xaneiro de 2024, ambos incluídos; o Entroido será do 12 ao 14 de febreiro; e a Semana Santa irá do 25 de marzo ao 1 de abril, este último incluído. Así mesmo, como día non lectivo queda estabelecido o Día do Ensino, fixado o 7 de decembro de 2023.

Conmemoracións

Así mesmo, a orde de Educación tamén estabelece o calendario de conmemoracións nos centros escolares, que arrincará o 20 de novembro co día da Infancia, ao que seguirá o 25 do mesmo co día contra a violencia de xénero.

Do 28 de novembro ao 5 de decembro será a semana da Constitución e do Estatuto de autonomía da Galiza, o 3 dese mes o día das persoas con discapacidade, o 10 o dos Dereitos Humanos. En xaneiro terán lugar o día da Educación (24) e o día da Paz (30), mentres que en febreiro celebrarase o día de Rosalía (23).

Para marzo quedan o Día da Muller (8) e a semana da prensa (do 4 ao 8), para abril o día das Artes Galegas (1), o da Saúde (7) e a semana do libro (22 ao 26). O 2 de maio conmemorarase nos centros o día contra o acoso escolar, o 9, o día de Europa, e do 13 ao 17 a semana das Letras Galegas.

O calendario de conmemoracións fecharase o 5 de xuño co Día Mundial do Ambiente. A todas estas sumaranse as actividades organizadas en torno as celebracións internacionais relacionadas co recoñecemento dos dereitos das persoas LGBT.