A precariedade, a falta de prazas e de formación escorrentan as pediatras

Mobilización da veciñanza do Morrazo en defensa dun servizo de pediatría de calidade.
As comarcas de Ourense e Ferrolterra levan tempo denunciando as graves deficiencias dos servizos de pediatría dos seus concellos. O Sergas defende que a falta de especialistas non se debe a problemas de carácter «económico» nin ás «condicións laborais», senón á escaseza de pediatras dispoñibles.

 

Desde hai meses as protestas multiplicáronse e estendéronse por todo o país. Ferrolterra, Ourense, Costa da Morte, A Mariña, Vigo. A cidadanía denuncia a falta de pediatras non seus municipios e a deficiente calidade asistencial derivada desa carencia.

O escaso número de pediatras co que conta o Servizo Galego de Saúde para substituír as profesionais que deixan a súa prazas vacantes obrigou o Sergas a agrupar o servicio de pediatría en centros de saúde de referencia. 

Na comarca de Ferrolterra, as primeiras en quedar sen pediatra foron as veciñas de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas hai un ano. Máis adiante foron as familias de Fene e A Capela as que comezaron a detectar problemas ao colleren a baixa as dúas pediatras que teñen asignadas e non haber quen as substitúa. Ares e Mugardos foron os últimos en rexistar minguas nun servizo compartido e precario.

Tempo e quilómetros

A itinerancia e a concentración dos servizos de pediatría forza a moitas familias a cubrir grandes distancias para seren atendidas. Pero tamén ás profesionais, que se desprazan a diferentes centros de saúde para pasar consulta, ver o seu grupo de pacientes e ocuparse das crianzas que antes levaban outras compañeiras.

A saturación da atención pediátrica e o gran desvelo das familias para poderen recibir unha asistencia sanitaria especializada motivou as protestas das usuarias, fartas de traxectos de máis de media hora para ver unha especialista ou de conformarse coa consulta dun médico de familia no seu centro de saúde habitual.

Contratación de calidade

Ás súas queixas súmanse as asociacións en Defensa da Sanidade Pública, as demandas dos colectivos profesionais e tamén dos grupos políticos que reclaman a fin dos recortes e un novo modelo de contratación que garanta a permanencia no país das profesionais cualificadas.

A Atención Primaria conta na actualidade con 148 millóns de euros menos que hai 10 anos.

A deputada do BNG Montse Prado destacou esta cuarta feira na Comisión de Sanidade celebrada no Parlamento que «68 facultativos pediron no primeiro semestre do ano a certificación de idoneidade para ir traballar fóra», un dato, dixo, que confirma que o modelo actual de contratación é precario e nada atractivo para as especialistas galegas, que prefiren marchar á privada ou directamente ao exterior.

Segundo Prado, o déficit actual é consecuencia directa do «deterioración xeral da sanidade pública e da Atención Primaria» en particular; «de feito», afirmou «a Atención Primaria conta na actualidade con 148 millóns de euros menos que hai 10 anos». Canto a medidas concretas, defende a necesidade de acabar cos «contratos de 3 e 6 meses» para ofrecerlles unha «contratación de calidade» que consiga captar e fidelizar as pediatras no territorio. Referiuse, ademais, á «escaseza de existencias» da que fala o Goberno, unha forma nova de chamarlle aos «recortes» que motivaron esta situación.

Provisión de prazas MIR

Desde a plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín incide nas malas condicións de traballo das pediatras, especialmente das que atenden «varios consultorios no rural», cada día nunha zona distinta. «As condición laborais son moi deficientes e as profesionais non contan con ningún incentivo profesional». Nestas circunstancias, di «o normal é que marchen».

A falta de planificación e de provisión de prazas é outra das causas que explica a conxestión da atención pediátrica e a carestía de especialistas.

A falta de previsión e planificación é outra das causas que explica a conxestión da atención pediátrica e a carestía de especialistas. «Hai 10 anos xa se advertiu que moitos pediatras se ían xubilar e que non habería relevo», explicou Prado na Cámara galega. E non o houbo, apunta Manuel Martín, «porque a Administración descoidou a provisión de novos especialistas vía MIR». 

Neste sentido, Martín prognostica un escenario dramático se non mudan as circunstancias de contratación e formación das futuras especialistas, porque «no prazo de 5 anos, vaise xubilar 50% das pediatras do Servizo Galego de Saúde».

Formación específica para a Atención Primaria

Na Galiza, como no resto do Estado, a atención sanitaria a nenos e nenas recae nas pediatras, non como noutros países onde os médicos de familia son os facultativos de referencia para a cativada, e os pediatras actúan como consultores.

Pero este modelo, di o voceiro de SOS Sanidade Pública, non conta cunha «formación específica» que alente as pediatras a escoller os servizos de Atención Primaria para desenvolver a súa carreira.

«A formación pediátrica é fundamentalmente hospitalaria e céntrase no manexo de recursos moi avanzados que nada teñen que ver cos que atopan na Atención Primaria. Non están familiarizados cos programas orientados á promoción da saúde e á prevención da enfermidade das crianzas: vixilancia, vacinación, alimentación, obesidade; traballo coa comunidade». O que sucede, di, é que se frustran, renuncian aos centros de saúde e marchan. 

A solución, coinciden, pasa por frear o deretiro da sanidade pública, por reforzar o investimento en Atención Primaria e procurar unha formación especializada.