A Rapa das Bestas vive unha segunda xornada "accidentada e chuviosa"

(Foto: Europa Press).
Os aloitadores e aloitadoras rapan 81 animais no día de hoxe.

Os aloitadores da Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada) raparon 81 animais nunha segunda xornada de evento que a organización cualificou de "máis accidentada e chuviosa".

De feito, sinala que o parte de incidencias deixou un total de 38 intervencións de diferente consideración por parte dos servizos sanitarios e de emerxencias.

A máis grave, informan, foi a dun aloitador que tivo que ser trasladado en ambulancia ao Hospital Clínico de Santiago de Compostela por unha "previsíbel fractura de costelas e un golpe nunha perna".

Ademais, tamén resultou ferido outro aloitador que sufriu unha rotura de cúbito. En canto ás demais intervencións, 23 foron por contusións e 13 necesitaron algún tipo de medicación.

A organización manifestou que un dos momentos máis aplaudidos do público que este domingo tamén encheu o curro de Sabucedo foi a estrea como aloitador de Roi, de 13 anos de idade.

Rapa das Bestas, declarada de interese turístico internacional, tivo este ano, se cadra, unha maior repercusión nos medios de comunicación xa que conta con máis de medio cento deles acreditados, algúns internacionais de países como Corea do Sur, Estados Unidos ou China.