Ramsés Pérez: "Unha contorna mala para as aves tamén o é para nós"

Ramsés Pérez é autor do coleccionábel de aves. (Foto: Nós Diario)
Durante todo o mes de abril, de terzas a sextas feiras, as persoas lectoras de 'Nós Diario' poderán desfrutar do coleccionábel 'As nosas extraordinarias aves comúns', da autoría de Ramsés Pérez. Conversamos co autor sobre a riqueza de aves que ten a Galiza e o estado de saúde das poboacións ornitolóxicas do país.

—A Galiza é unha zona de especial interese ornitolóxico?

Si, claro. Hai varias zonas de interese e en función das aves que queiramos observar e coñecer podémonos desprazar a lugares diferentes. Se queremos coñecer aves de montaña hai que desprazarse aos ecosistemas onde van estar estes animais. Neles, fundamentalmente, podemos ver certas especies de aguias e voitres ou aves rupícolas, que son aquelas ás que lles gustan as zonas de cortados ou de cantís de pedra, e na Galiza abondan os territorios con estas características.

Se o que nos interesan son as aves acuáticas hai que achegarse a aqueles lugares con masas de auga doce, que tamén abundan no país, como ríos, encoros, lagoas... Por outra parte se pretendemos ver aves mariñas as mellores opcións son os areais e marismas, ou ben os cabos, no que habitan moitas aves.

—Cales son as mellores épocas para observar as diversas tipoloxías de aves da Galiza?

Segundo a estación ou época do ano na que nos atopemos hai unha tipoloxía de aves que ten maior interese visitar. Para facer unha observación de aves acuáticas que veñen á Galiza a mellor época é o inverno, sobre todo nos meses de decembro, xaneiro e febreiro aves procedentes do norte de Europa veñen ao noso país a invernar. Desprázanse fundamentalmente ao noso litoral, mais tamén a algunhas zonas de importancia hidrolóxica no interior. Se a nosa predilección son certas aves que veñen levar a cabo o seu proceso de cría desde África ao noso territorio, a mellor época é a primavera.

Podémonos espallar por moitos puntos da xeografía galega, pero si é certo que hai algunhas aves que especificamente desenvolven este proceso no sur do país, nomeadamente nas zonas máis térmicas, é dicir, que teñen unha maior temperatura e un clima máis mediterráneo, que son principalmente as do sueste do territorio galego.

—As urbes galegas tamén teñen aves de interese ornitolóxico?

Principalmente o que se soe atopar nas vilas e cidades son aquelas aves máis comúns, especies como o pombo ou o merlo que no medio natural teñen un carácter máis esquivo. Mais no ámbito urbano son especies que se foron introducindo, primeiramente polos zonas dos arredores das cidades e polos parques e xardíns, mais pouco a pouco foron chegando aos centros das cidades e vilas, mesmo ocupando estes espazos e tendo un carácter máis confiado.

Estas aves son as máis comúns e moitas delas serán as que imos analizar no coleccionábel de Nós Diario do próximo mes. É interesante tamén o feito de que nas cidades nas que hai grandes paredes de pedra, como nos cascos históricos e urbanos importantes, podemos observar aves como o falcón peregrino ou a gralla pequena, entre outras.

—O coleccionábel de Nós Diario céntrase nas aves comúns do país. Dáselles todo o valor que teñen?

A observación das aves comúns é moi importante para poder ter en conta os cambios que se están a producir nas súas poboacións. Non deixa de ser paradoxal que especies como a gralla teñan a metade de individuos que hai 40 anos. Se a nosa contorna non é un bo lugar para elas de seguro que tampouco o será para nós