Ramón Varela: "O maior perigo dos bidóns é que escapen os residuos radioactivos"
O ecoloxista e biólogo Ramón Varela (O Saviñao, Terra de Lemos, 1952) é un dos nomes propios da loita desenvolvida na Galiza desde finais dos anos 70 contra as verteduras radioactivas na foxa Atlántica, que estudou en 1983 nun volume pioneiro titulado Os residuos radioactivos. Ameza no presente e para o futuro.
—A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, afirmaba a semana pasada que descoñecía a existencia de verteduras radioactivas na foxa Atlántica, malia que a súa orixe se remonta a finais dos anos 70. Cales foron as razóns para escoller como vertedoiro nuclear un espazo a 380 millas da Galiza?
Inglaterra estivo tirando os residuos radioactivos fronte as súas costas até os primeiros 70, cando descubriu que contaminaban as algas. E Francia levaba as súas verteduras nucleares ao Mediterráneo, pero neses anos a sociedade comezou a protestar. Neste contexto, varios países europeos acordaron fretar un barco que recollese os seus residuos nucleares para tiralos ao mar, pero lonxe das súas costas.
A foxa Atlántica pareceulles un bo emprazamento porque os ingleses consideraban que non había problema ao estar a máis de 600 millás das súas costas, e para eles e o resto dos países europeos non era un problema que estiveran [os residuos] a 380 millas da Galiza. Así, desde finais dos anos 60 e até 1983 fretaron dous barcos ao ano, con residuos radioactivos de alto nivel, de nivel intermedio e de baixo nivel.
—As verteduras radioactivas na foxa Atlántica remataron en 1983, tras anos de intensa mobilización, que destacaría daquela loita?
As primeiras denuncias fixéronse públicas en 1974,coincidindo coa fundación de Adega, pero non foi até 1978 cando esta asociación iniciou unha campaña social advertindo dos riscos. Intensificouse a comezos dos anos 80, fretándose embarcacións desde Galiza cara á zona das verteduras ou promovéndose mobilizacións en todo o país.
No ano 1983, coincidindo coa aprobación da moratoria ás verteduras, Adega, que defendía a súa prohibición, desprazou un autobús a Inglaterra durante o verán para denunciar a situación, organizando diversas protestas que levaron á detención e o procesamento das 28 persoas que participabamos daquela expedición.
—Sinalaba no seu volume sobre as verteduras radioactivas que representaban unha ameaza para o futuro. Transcorridos máis de 40 anos, cales diría que son os seus principais riscos?
O perigo é que poidan escapar os produtos radioactivos ao perderen os contedores solidez. Hai que ter en conta que os bidóns están a 4.000 metros de profundidade e polo tanto sometidos a unha presión e unha corrosión moi elevadas. Cando Estados Unidos tiraba os residuos radioactivos ao mar facíalles seguimento, pero no caso da foxa Atlántica non se sabe como están os máis de 200.000 bidóns que se tiraron e dos que agora se atoparon 1.900, porque a Xunta non fixo nunca ningún tipo de control e seguimento.
Aínda hoxe a enerxía nuclear segue sen resolver o problema dos residuos, polo que mentres non haxa unha solución a isto non ten sentido pensar nesta fonte de enerxía.
